[20-11-2013] Para festexar a onomástica de Santa Cecilia, que se celebra este venres, 22 de novembro, a Concellaría de Cultura organizou unha serie de actuacións musicais para este venres e sábado. Santa Cecilia é a patroa dos músicos e como tal o Concello de Ames organizou unha fin de semana chea de música. Este venres, ás 21:00 horas, haberá un concerto de música folk tradicional na Casa da Cultura do Milladoiro a cargo do dúo Cantata Vernácula, que está composto por Suso Vaamonde e Xoán Porto.
A programación musical, que ten preparada a Concellaría de Cultura con motivo da celebración de Santa Cecilia, comeza este venres, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa actuación do dúo Cantata Vernácula, que está integrado por Suso Vaamonde e Xoán Porto. Este dúo, creado en 2009, tenta recuperar nos seus espectáculos a participación activa do público por medio da música tradicional galega. Acompáñanse de acordeón e zanfoña para ir introducindo ao público nunha auténtica festa galega onde músicos e espectadores confúndense, onde todos terminan cantando. Entre bromas, anécdotas e explicacións, este dúo consegue achegar o noso folclore a todos os públicos dunha maneira orixinal e divertida.
As entradas para asistir a este espectáculo poderán mercarse media hora antes do comezo da función na Casa da Cultura do Milladoiro. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné. Tamén se poden reservar as entradas, para iso hai que chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico á dirección cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 20:30 horas. Despacharanse como máximo 4 entradas por persoa.




