Pestanas principais

O domingo 26 de agosto celebrase a XXVII edición do descenso do Tambre

Martes, 14 de agosto de 2012

[14-08-2012] A praia fluvial de Tapia será o escenario o próximo domingo 26 de agosto da XXVII edición do descenso do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organiza unha competición que xa é unha referencia para o piragüismo galego debido á alta calidade dos seus participantes. Este ano haberá dous circuítos, un de seis quilómetros para as modalidades de sénior e xuvenís, e outro de un e medio para os infantís e alevíns.

O descenso de Portomouro a Tapia comezará ás 16,30 horas para os participantes maiores de 14 anos. Os menores desta idade comezarán a súa proba ás 17:30 horas e contarán cun circuíto de quilómetro e medio de lonxitude na praia de Tapia.

O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Por este motivo, un ano máis o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames, organizan o xa tradicional descenso do Tambre. Nesta edición está previsto que participen arredor de 250 padexeiros de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre e, como en anos pasados, serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo.

Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2012 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos e todas os participantes. Para os tres gañadores absolutos do descenso do Tambre (kayak masculino, canoista e kayak feminino) haberá un lote de material deportivo como agasallo.