[10-08-2013] A praia fluvial de Tapia será o escenario o próximo domingo 25 de agosto da XXVIII edición do Descenso do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organiza unha competición que xa é unha referencia para o piragüismo galego debido á alta calidade dos seus participantes. Este ano haberá dous circuítos, un de seis kilómetros de lonxitude e que terá saída desde Portomouro (Val do Dubra) e chegada en Tapia, e outro dun kilómetro e medio que será un circuíto na praia fluvial.
As categorías serán as seguintes: kaiak homes (veterano, senior, junior, cadete, infantil A e B, alevín A e B e benxamín), kaiak mulleres (senior, junior, cadete, infantil A e B, alevín A e B e benxamín) e canoas homes (senior, junior, cadete, infantil A e B). Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos 5 primeiros clubs clasificados.
O descenso de Portomouro a Tapia comezará ás 16:00 horas para os participantes maiores de 14 anos. Os menores desta idade comezarán a súa proba ás 17:00 horas e contarán cun circuíto de quilómetro e medio de lonxitude na praia de Tapia.
Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2013 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. A recollida de dorsais será entre as 14:00 h. e as 15:00 horas do mesmo día de competición nas instalacións da praia fluvial.
Nesta edición está previsto que participen centos de padexeiros de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre e, como en anos pasados, serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo.