Pestanas principais

O domingo 14 de agosto celébrase a XXVI edición do descenso do Tambre

Martes, 09 de agosto de 2011

[09-08-2011] A praia fluvial de Tapia acolle o domingo 14 de agosto ás 16:00 horas a XXVI edición do descenso do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organiza unha competición que xa é unha referencia para o piragüismo galego debido pola alta calidade dos seus participantes. Este ano haberá dous circuítos, un de seis quilómetros para as modalidades de sénior e xuvenís, e outro de un e medio para os infantís e alevíns.

O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Por este motivo, un ano máis o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames, organizan o xa tradicional descenso do Tambre. Nesta edición participarán arredor de 200 padexeiros de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre e, como en anos pasados, serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo.

Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2011 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos e todas os participantes. A recollida de dorsais será entre as 14:00 h. e as 15:00 horas do mesmo día de competición nas instalacións da praia fluvial e contarase cun posto de avituallamento para que ao remate das probas os padexeiros/as poidan recargar enerxías con bebidas e froita. Ademais, ao final da tarde haberá unha merenda para todos os participantes. Para os tres gañadores absolutos do descenso do Tambre (kayak masculino, canoista e kayak feminino) haberá un lote de material deportivo como agasallo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Descenso del Tambre en Tapia"
La Voz de Galicia: "El descenso del Tambre tendrá unos 200 competidores"