- Tematica
O Concello de Ames presentou esta mañá, na Casa do Concello, en Bertamiráns, a programación de actividades para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O acto central realizarase o domingo, 8 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns cos dúas actividades. Pola mañá, proxectarase o documental 8M A Voces e farase un coloquio posterior coas nove mulleres que participaron na peza audiovisual, para falar da súa experiencia e moderado pola presentadora do acto, Fátima Pego. Pola tarde, poderase gozar do espectáculo O positivo de fracasar no amor, un monólogo de Pablo Piñeiro. Ademais, dentro de dita programación, está prevista a elaboración de murais colaborativos nos centros educativos e un curso de formación en defensa persoal para mulleres. O persoal do CIM tamén vai visitar os centros educativos para achegar información e repartir material do 8M.
O Concello de Ames, a través do departamento de Igualdade, presentou esta mañá a programación que se desenvolverá ao longo das vindeiras semanas co gallo do 8M, Día Internacional da Muller. Ao acto asistiron a concelleira de Igualdade, Uxía García; a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís; e a psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), Mónica Antelo.
A concelleira de Igualdade, Uxía García, destacou que “neste mes da muller, o mes de marzo, realizaremos diversas actividades con motivo do 8M. Este ano ten unha frase clave: 8M a voces. Temos unha programación específica para o propio día do 8M e distintas actividades en centros educativos no que os nosos rapaces e rapazas traballarán sobre a muller. Ademais, farase unha formación en defensa persoal para mulleres e falaremos cos rapaces e rapazas dándolles información sobre o que é un CIM. Tamén teremos unha reivindicación no Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebra o propio 8 de marzo”.
Por outra banda, Mónica Antelo, psicóloga do Centro de Información á Muller, dixo “invitamos a toda a veciñanza a participar nas actividades do mes de marzo. O domingo 8 temos a proxección dun documental no que participaron mulleres do propio concello e que será algo distinto e innovador. Non van ser mulleres de renome, senón mulleres anónimas do noso propio municipio. Ademais, consideramos importante que a mocidade saiba o que facemos no CIM, xa que facemos moitas máis cousas que atender casos de violencia de xénero. Consideramos que nos mozos e mozas pode estar a clave para transmitir esta información nos seus fogares e entre os seus compañeiros e compañeiras”.
Acto central do 8M
O acto central da programación do 8M vaise a realizar o propio domingo, 8 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns cos dúas actividades. Pola mañá, de 11.00 a 12.30 horas, proxectarase o documental 8M A Voces, unha peza audiovisual promovida polo Concello de Ames, que nace coa vontade de poñer no foco as voces das mulleres do municipio no marco do Día Internacional da Muller, recollendo testemuños de vidas reais e diversas.
Dito acto, que estará presentado por Fátima Pego, comezará coa proxección dun vídeo no que se dará lectura ao manifesto institucional con motivo do 8M. De seguido, Fátima Pego será a encargada de dirixir o acto, que contará coa intervención do alcalde, Blas García, e coa proxección do documental 8M A Voces.
Trala proxección, que durará arredor de 35 minutos, abrirase un coloquio coas mulleres participantes no documental para falar das súas propias experiencias. Posteriormente, darase paso a unha rolda de preguntas das persoas asistentes ao acto e este pecharase coa lectura de versos por parte de varias representantes do Concello.
Ademais, o domingo 8 de marzo, durante a celebración do VII Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e III Campionato Xunta de Galicia de trail running Preclassic vaise a conmemorar o Día Internacional da Muller. Neste senso, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo que este ano esta proba deportiva “coincide co día da muller, polo tanto darémoslle visibilidade tanto nos dorsais como nunha pancarta que vai estar colocada na liña de saída”, e sentenciou: “no día da muller, poñeremos de manifesto que as mulleres estamos todos os días”.
O positivo de fracasar no amor
Por outra banda, o domingo 8 de marzo, ás 18.30 horas, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o espectáculo O positivo de fracasar no amor, un monólogo teatral de Pablo Piñeiro.
Neste espectáculo Pablo Piñeiro debulla a súa obra literaria do mesmo nome e comparte o seu proceso persoal: dun mozo “analfabeto emocional” que aprendeu a cuestionar os mitos do amor romántico, os mandatos de xénero e as expectativas que condicionan as nosas relacións. Con humor, honestidade e historias nas que é doado recoñecerse, o espectáculo convida a reflexionar sobre como aprendemos a amar, como nos afectan os roles e que significa construír vínculos máis sans, máis conscientes e máis igualitarios.
No escenario acompáñao René Merino, que debuxa en directo o que lle suxire o texto, engadindo unha dimensión visual que transforma cada función nunha experiencia viva e irrepetible. Trátase dunha proposta que fai rir, que remexe por dentro e que deixa pegada. Porque quen entre no auditorio cunha idea do amor, probablemente saia con outra. Os convites para acudir a este espectáculo pódense obter na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Actividades nos centros educativos e curso de defensa persoal
Dentro de dita programación tamén está prevista a elaboración de murais colaborativos nos centros educativos. Nesta actividade participa o alumnado e mailo persoal de 7H cooperativa cultural. Primeiro realizase un proceso de tormenta de ideas e de deseño, e posteriormente, abordase a fase de pintado dos murais. Ademais, o persoal do CIM vai visitar os centros educativos para achegar información e repartir material do 8M.
Dende a Concellaría de Igualdade organízase un curso de formación en defensa persoal para mulleres, que se vai a impartir o sábado, 21 de marzo, pola mañá no Milladoiro e pola tarde en Bertamiráns. Para participar nesta actividade hai que inscribirse previamente. Este mesmo curso vaise a impartir o luns, 23 de marzo, no IES de Ames, en Bertamiráns. Proximamente publicarase un programa específico sobre ditos cursos e mailo xeito de inscribirse.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Documental en femenino, deporte y mural en el Día da Muller en Ames"
Lindeiros: "O documental 8M A Voces centra a programación de Ames para o Día Internacional da Muller"








