Pestanas principais

O diálogo entre o goberno e o BNG propiciou o consenso na actualización das taxas dos servizos de conciliación

Venres, 23 de decembro de 2011

[23-12-2011] O pleno aprobou cos votos a favor do BNG e o PP a adaptación e actualización das taxas dos comedores escolares. O PSOE abstívose na votación. O concelleiro de Servizos, Ramón García Argibay levou a pleno a proposta de cinco tramos de taxas para as familias que leven os seus nenos e nenas a algún dos comedores dos centros escolares municipais de Ames en lugar de catro, como se plantexaba nun principio; outra das novidades que ten a proposta definitiva da actualización de taxas é a introdución da progresividade dentro dos servizos de Bos Días Cole e Tardes divertidas. Tamén se aprobou a Conta Xeral do 2010.

O concellerio de Servizos, Ramón García Argibay, explicou que haberá cinco tramos para aboar as taxas dos comedores e lembra que co novo sistema se introduce por primeira vez a progresividade e que se ten en conta a renda PER CÁPITA da unidade familiar. O primeiro dos tramos vai do 50% ao 75% do IPREM, o segundo tramo do 75% ao 100% do IPREM o terceiro vai do 100% a 150% do IPREM, o cuarto vai do 150% ata o 200% do IPREM e o quinto tramo é para aquelas familias nas que os seus membros ingresan máis do 200% do IPREM. Por tramos, e en orde dende o primeiro ao quinto tramo, as taxas a pagar serán: 70 euros/mes para o primeiro tramo, 75 o segundo, 85 o terceiro, 100 o cuarto, e 110 o quinto.

Deste acordo adquiriuse tamén o compromiso de traballar para que a administración autonómica, que ten competencia en materia educativa, aporte para o mantemento deste servizo unha cantidade proporcional de igual xeito que o fixo en outros concellos coma Narón, Ferrol e Santiago de Compostela.

As novidades máis importantes son:

Primeiro: que ás familias con salarios máis baixos non se lles aplicará subida.
Segundo: outra das novidades é que nos servizos de Bos Días Cole e Tardes Divertidas aplicarase a progresividade en cinco tramos e na mesma proporción en canto ao IPREM de igual xeito que nos comedores escolares.

Os servizos Bos Días Cole e Tardes Divertidas terán tamén taxas progresivas segundo a renda per cápita da unidade familiar.

Os servizo complementarios de Ames, que engloban comedores, Tardes Divertidas e Bos días Cole poden empregarse coa frecuencia desexada por parte dos pais, ben por días soltos ou por un número inferior a cinco días na semana, para iso tamén se deberán calcular as novas taxas aplicándolles a progresividade. Pero a calidade e a oferta dos servizos é inamovible, nese aspecto non mudou nada.

O goberno e o BNG recolleron a maior parte das alegacións presentadas polas nais e pais, e introduciu o quinto tramo para facer máis equitativo o pago dos servizos en función da renta per cápita reforzando a filosofía de que o que ten máis pagará máis.

Co consenso acadado entre o grupo de goberno e o BNG imponse o sentido da responsabilidade e garántese a viabilidade a longo prazo dos Comedores escolares, Bos días Cole e Tardes Divertidas. O goberno comprometeuse ademais a revisar o ano que ben o funcionamento das taxas.

Os comedores escolares de Ames así coma os servizos de Bos Días Cole e tardes Divertidas son un servizo exemplar, un servizo que axuda a conciliar a vida laboral e familiar das nais e pais amienses, e un servizo que educa aos nenos nunha alimentación sá e equilibrada, así coma no correcto comportamento na mesa, é por iso que o Concello loita por manter e potenciar este servizo básico e de referencia para moitos Concellos, porque "somos conscientes da gran importancia que ten o feito de que os nosos fillos e as nosas fillas medren con servizos que potencien a súa saúde e a súa felicidade; porque eles son o futuro de Ames", explicou Ramón G. Argibay, que afirma ademais que o seu empeño é facer sostible e garantir este servizo básico e valora moi positivamente a actitude do Bloque Nacionalista Galego amiense.

Mentres que Ramón G. Argibay dixo que "temos que felicitarnos polo traballo realizado, xa que esta adaptación das taxas supón un traballo polo ben común independentemente de cores políticas", a voceira do BNG, Pilar Candocia felicitou ás ANPAS, ás persoas que individualmente presentaron alegacióne e ao PSOE pola súa alegación, tamén expresou a súa conformidade co traballo feito polo grupo ao que representa, o BNG e o grupo de goberno. Candocia valorou o feito de que sexa unha proposta consensuada e pediu diálogo antes de tomar este tipo de decisións.

Pola súa parte, a portavoz do PSOE, Patricia Conde, dixo que "non considero que este sexa un gran acordo, como moito un paso adiante". Os socialistas entenden que é "curar o mal da suba das taxas", por iso o PSOE se abstivo na súa votación.

Aprobación da Conta Xeral 2010

Outro dos temas que aprobou no pleno extraordinario deste venres foi a conta xeral de 2010. O pasado 18 novembro, a Comisión especial de Contas examinou e ditaminou a conta xeral para que a continuación se envíase ao Boletín Oficial da Provincia (BOP). Despois tivo que en exposición pública durante 23 días hábiles. O último paso foi aprobar a conta en pleno. Este punto foi aprobado por maioría absoluta cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo municipal popular e socialista, mentres que os concelleiros/as do grupo municipal nacionalista abstivéronse.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, foi o encargado de expoñer este punto. O rexedor municipal comezou dicindo que coa aprobación da conta xeral de 2010 dáse cumprimento a obriga de presentar as contas antes de final de ano. O Consello de Contas establece unha tripla distinción no tocante ao cumprimento do deber de rendición por parte das entidades locais. A primeira opción refírese ás entidades que cumpriron co prazo legal do 15 de outubro; o segundo refírese o das que remitiron a Conta dentro do exercicio correspondente, e o terceiro e último o das que o fixeron nun ano diferente. Neste caso o Concello de Ames estaría incluído no grupo de concellos que remiten as contas dentro do exercicio correspondente.

A liquidación desta conta amosa un remanente de tesourería negativo de -916.310,68 euros e un resultado orzamentario de -198.291,88. Para Santiago Amor "é moi importante cumprir o obxectivo de render a conta dentro deste exercicio. Agora as administracións públicas están esixindo que as contas estean ao día para poder solicitar axudas e subvención. Deste xeito o Concello de Ames poderá solicitar subvencións á Xunta de Galicia durante o ano 2012".

Por parte do grupo municipal nacionalista, Anxo Doval, incidiu en que "a conta xeral de 2010 indica que a situación económica do Concello de Ames non é boa, pero non é tan crítica como se está dicindo dende o grupo de goberno. Non é certo que teñamos a obriga de elaborar un plan económico - financeiro". Doval recalcou "é un deber pero non unha obriga. En comparación con outros concellos de igual ou similar poboación a situación de Ames non e tan mala como se di polo cal non debemos asustar a ninguén e non se poden tomar algunhas das medidas que se pretenden levar a cabo porque non están xustificadas".

Por parte do grupo municipal socialista Patricia Conde, indicou que "o resultado orzamentario é negativo por primeira vez. Iso quere dicir que se recoñeceron máis obrigas que dereitos recoñecidos. A conta tamén un remanente de tesourería negativo o que indica unha situación de falta de liquidez, tal e como lle sucede a moitos outros concellos de Galicia". Ademais, engadiu que para reconducir a situación económica do Concello de Ames "hai que tomar certas medidas pero non é necesario levar a cabo medidas drásticas". Conde rematou dicindo que "a situación do Concello de Ames non é tan grave".

O alcalde reiterou que os informes técnicos consideraban imprescindible a realización dun plan de equilibrio económico e financeiro que permita recuperara nun prazo de tres anos a senda do equilibrio financeiro. Santiago Amor recalcou que "a situación económica do Concello non é boa e dende o goberno municipal estase actuando con responsabilidade para tratar de reconducir esta situación e sempre facendo caso as recomendacións e consellos dos técnicos."

Recoñecemento extraxudicial de crédito

Posteriormente tratouse un recoñecemento extraxudicial de crédito composto por dúas facturas. A primeira por importe de 173.892 euros relativa ao subministro de auga potable a través de cisternas dos meses de agosto e setembro de 2006. A segunda de 321.184,48 euros correspondente aos traballos realizados no período 1998 - 2010 sobre os traballos realizados para a comprobación física do censo de recollida de lixo, altas e baixas, mantemento e continua actualización do censo da taxa de residuos sólidos urbanos. Este punto foi retirado do pleno extraordinario celebrado o pasado 12 de decembro e finalmente aprobouse este venres cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo municipal popular e socialista, mentres que os concelleiros/as do grupo municipal nacionalista abstivéronse.

A corporación municipal tamén aprobou a prórroga do contrato de servizos de colaboración na xestión tributaria censual inspectora e recadatoria do Concello de Ames. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo municipal popular e socialista, mentres que os concelleiros/as do grupo municipal nacionalista abstivéronse. Por último aprobouse por unanimidade a aprobación de instrucións para o seguimento da achega mensual aprobada polo Pleno a favor dos grupos políticos municipais.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames suaviza la subida de tasas en los servicios de conciliación"