Pestanas principais

O día 10 de marzo realizarase unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” na Casa da Cultura do Milladoiro

Xoves, 05 de marzo de 2020

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o próximo martes, 10 de marzo, ás 20.00 horas, unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Ademais de información sobre o programa, será posible inscribirse alí mesmo para ser familia acolledora durante este verán. Quen non poida acudir á reunión, pode solicitar máis información sobre o programa enviando un correo electrónico a info@sogaps.es ou chamando aos números de teléfono 609 76 49 45 / 986 26 26 37.

A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, en colaboración co Concello de Ames, organiza un coloquio informativo sobre o programa “Vacacións en Paz”. Este, consiste na acollida, durante os meses de xullo e agosto, de nenos e nenas saharauís que viven unha situación difícil nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. Neste programa colaboran a Xunta de Galicia, a delegación e Subdelegación do Goberno, a Consellería de Política Social, a Consellería de Sanidade, Deputacións e concellos, e as familias acolledoras.

Un ano máis, a Concellería de Benestar Social do Concello de Ames súmase á colaboración con esta iniciativa, que se presenta nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos rapaces e rapazas. Desta maneira, ofrécelles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa tamén á súa formación.

Asemade, grazas a este programa os menores poden escapar das altas temperaturas do verán nos campamentos de refuxiados e someterse a diversos exames médicos, inalcanzables na vida diaria que están obrigados a vivir en Tindouf. Ademais, este programa posúe un gran valor cultural para os nenos e nenas saharauís, españois e para as familias acolledoras.

Dende o Concello de Ames animan a todas aquelas persoas que estean interesadas en vivir unha experiencia única e inesquecible, e que queiran solidarizarse co pobo saharauí, acollendo na súa casa durante os dous meses de verán a unha nena ou neno refuxiado saharauí, que se poñan en contacto con dita asociación enviando os seus datos ao enderezo de correo electrónico info@sogaps.org ou chamando aos números de teléfono 609 76 49 45 / 986 26 26 37.

Os responsables de “Vacacións en Paz” poñeranse en contacto con cada persoa que estea interesada neste proxecto, para informalos do proceso que hai que seguir para acoller.

Novena edición da cea solidaria
Por outra banda, a Concellaría de Benestar Social colabora un ano máis na novena edición da cea solidaria, que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, en apoio ao programa Vacacións en Paz. Dita cea desenvolverá o próximo día 7 de marzo, ás 21:00 horas, no Restaurante Paz Nogueira, que está situado en Santiago de Compostela.

Haberá un menú para adultos de 30 euros e outro infantil de 17 euros. Ademais, tendo en conta o éxito da ambientación das ceas anteriores, este ano a organización decidiu orientar a temática nos anos 20, baixo o lema Felices Anos 20. Para asistir á cea, á que non é obrigatorio acudir disfrazado, pódese contactar con Esther Ybarra, voceira na zona de SOGAPS, a través dos números de teléfono 609 76 49 45 / 986 26 26 37 ou do enderezo de correo electrónico a info@sogaps.org.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Charla informativa sobre o programa Vacacións en Paz"

Cartel da charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz”

Multimedia

  • Cartel da charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz”
  • Cartel da cea solidaria do programa “Vacacións en Paz”