Pestanas principais

O departamento de Medio Ambiente publica tres mapas coa localización dos colectores de aceite usado en Ames

Venres, 15 de xaneiro de 2016

[15-01-2016] O Departamento de Medio Ambiente vén de facer públicos os distintos puntos do municipio onde se colocaron colectores para a recollida de aceite doméstico usado. Amesás e amesáns poderán participar así desta iniciativa posta en marcha para reciclar este residuo na elaboración de biodiesel e, deste xeito, minimizar o impacto medioambiental causado polos seus verquidos. Á dereita, baixo o apartado de descargas, pódese acceder aos mapas onde se indican as localizacións.


O Departamento de Medio Ambiente busca tamén sensibilizar á cidadanía recalcando a importancia da reciclaxe deste residuo doméstico. O aceite usado é responsable dun grave problema tanto medioambiental como económica: non só é prexudicial cando entra en contacto co medio, especialmente coa auga, senón que a súa depuración e o mantemento das estacións depuradoras carrexan altos custes. A rede de sumidoiros pública, por exemplo, tamén se ve afectado polo verquido de aceite a través das canalizacións. Dende o departamento quérese ademais facer fincapé na importancia de que sexa precisamente o aceite usado unha das formas de fabricar biodiesel.

O biodiesel é un carburante ecolóxico, renovable e biodegradable. Presenta, entre outras vantaxes, a de contribuír a minimizar as emisións de CO2 á atmosfera, gas responsable, entre outros, do efecto invernadoiro. A campaña de recollida busca así enfatizar a importancia da diminución da dependencia dos combustibles fósiles, propoñendo o biodiesel como alternativa. Catuxa García, concelleira de Medio Ambiente, incidiu de novo en que "o goberno, a través desta iniciativa, quere apostar pola recuperación deste residuo e conseguir minimizar o seu impacto medioambiental. Un litro de aceite doméstico chega a contaminar 1.000 litros de auga". A concelleira sinala que ese dato "resume moi ben a importancia e beneficios da súa recollida".

Nos tres rueiros, aos que se pode acceder dende o banner da páxina principal da web municipal ou dende esta nova, sinálanse os bidóns distribuídos nos núcleos urbáns do Milladoiro e Bertamiráns así como nas parroquias amesás. En total 27 colectores foron instalados ao longo do territorio municipal. Neste tipo de colectores o aceite non ten que ser verquido, senón depositado directamente nun recipiente, o que facilita a súa recolecta.

Os veciños e veciñas poderán consultar a través do rueiro colgado na páxina web do concello as localizacións dos colectores para poder depositar en calquera tipo de envase de plástico o seu aceite usado, e colaborar na preservación e coidado do medioambiente. 8 dos colectores atópanse en Bertamiráns, 12 no Milladoiro, un en Aldeanova, outro nas Mimosas e cinco bidóns foron repartidos en senllas parroquias: Ames, Bugallido, Covas, Biduído e Ortoño.


Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Ames ofrece una mirada sueca a la Illa de Ons 50 años atrás"