[17-04-2014] O departamento de Emprego e Promoción Económica do Concello de Ames ofrece asesoramento e atención a demandantes de emprego, a emprendedores do municipio e realiza entrevistas de deseño e seguimento de usuarios que contan cun itinerario personalizado de inserción laboral. Este servizo ofrécese tanto en Bertamiráns, na Casa do Concello, como no Milladoiro, nas oficinas municipais. Durante o primeiro trimestre de 2014, o persoal deste departamento atendeu a un total de 448 persoas que solicitaron información e asesoramento de carácter laboral. O obxectivo deste servizo é prestar atención e información a demandantes de emprego do concello.
Durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo o departamento de emprego e Promoción Económica do Concello de Ames atendeu a un total de 448 desempregados e emprendedores/as. En Bertamiráns prestouse atención a 232 usuarios/as, dos cales 197 eran demandantes de emprego e 35 solicitaron titorización e asesoramento para emprender un negocio no municipio.
A oficina de orientación laboral do Milladoiro, situada nas oficinas municipais desta localidade, atendeu durante o primeiro trimestre deste ano un total de 216 usuarios/as que se interesaron sobre cuestións relacionadas coa inserción laboral. En total, realizáronse 96 entrevistas con usuarios dirixidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e 50 entrevistas con persoas non dirixidas polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e usuarios sen cita previa. Ademais, realizáronse 70 entrevistas de deseño e seguimento a 29 usuario/as con Itinerario Personalizado de Inserción (IPIs).
O servizo de orientación laboral do Milladoiro está subvencionado e cofinanciado a través da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo. Para elo o Concello de Ames conta cunha subvención da Consellería de Traballo e Benestar para contratar persoal técnico, para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego.
Aposta pola formación para o emprego
Por outra banda, durante este ano 2014 o Concello de Ames está realizando unha importante aposta pola formación para o emprego e o emprendemento. Deste xeito, estanse desenvolvendo diferentes programas de emprego como son o programa integrado para o emprego InserAmes - Brión no que están participando un total de 80 persoas; a iniciativa Ames Integra que é un programa de formación e integración socio-laboral, que está dirixido á poboación inmigrante con baixa formación que reside no termo municipal amiense; e o proxecto HERA no que están participando 20 mulleres amienses.
Dentro do programa InserAmes – Brión estase impartindo a segunda fase do plan de formación que está composto por un curso de inglés (nivel medio); un curso de informática sobre o programa Excel (nivel medio); un curso de informática básica; dous cursos de técnicas de busca de emprego; un curso de técnicas de comunicación (habilidades sociais); un curso de prevención de riscos laborais (nivel básico); un curso de limpeza, tratamento e mantemento de solo, paredes e teitos en edificios e locais; un curso de técnicas e procedementos de limpeza con utilización de maquinaria; e un curso de autoemprego. Ademais, o alumnado que faga os dous cursos de limpeza participará nun módulo de prácticas profesionais, non laborais, de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais. Previamente, no mes de xaneiro tamén se impartiu un curso de inglés básico que xa comezara no mes de decembro de 2013.
No proxecto HERA as 20 alumnas participaron nunhas xornadas de orientación laboral que se desenvolveron durante a primeira semana do curso. Este programa está organizado en colaboración entre as concellarías de Benestar Social e de Promoción Económica. A continuación comezaron cun itinerario de competencias claves. As alumnas xa recibiron formación en materias como lingua galega, lingua castelá e matemáticas. Deste xeito, remataron o itinerario de competencias claves. O día 21 de abril volverán ás clases para participar nun curso de manipulador de alimentos. De seguido comezarán co itinerario de hostalería e comercio. Tamén terán que participar nun curso de ofimática. Por último, as usuarias terán que realizar 10 días de prácticas en empresas da contorna que están relacionadas cos sectores dos itinerarios que realizaron.
O alumnado que participa no programa Ames Integra participou nun curso de formación en competencias clave. Unha vez rematada esta formación, 11 alumnos/as presentaranse aos exames en competencias clave.
Hai que destacar tamén que no que levamos de ano o Concello de Ames subscribiu 21 convenios con diferentes entidades para que un total de 40 desempregados/as realizasen prácticas non laborais nestas empresas. Uns 9 alumnos que realizaron o curso de atención á persoas dependentes realizaron prácticas en 5 empresas relacionadas con este eido formativo. Outros 9 alumnos que realizaron o curso de operador de caixa-repoñedor desenvolveron prácticas noutras 5 empresas relacionadas co sector da distribución e da loxística. Por último, 19 alumnos/as do curso de operario de almacén desenvolveron as súa prácticas en 9 empresas coas que asinou un convenio o Concello.




