Pestanas principais

O departamento de Benestar Social centra os seus esforzos na atención os grupos de poboación máis vulnerables

Mércores, 25 de marzo de 2020

Debido ao estado de alarma declarado polo Goberno do Estado no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, e ao estado de emerxencia sanitaria, o Departamento de Benestar Social do Concello de Ames está a centrar todos os seus esforzos en garantir a atención e atender as necesidades básicas da poboación máis vulnerable. Para iso, estase a intensificar o reparto de alimentos do Banco Municipal coa recepción, a semana pasada, de preto de 2 toneladas das que xa se fixo o reparto da metade. Durante esta semana cóntase con ter rematado o reparto entre as familias con máis urxencia para despois ir atendendo demandas puntuais.

O reparto de alimentos do Banco Municipal intensifícase no caso de familias con menores a cargo. Para garantir unha mellor prestación ás familias e facer unha optimización dos recursos dispoñibles, o Departamento de Benestar Social traballa en coordinación con Cáritas para poder garantir tanto produtos frescos (por parte de Cáritas Milladoiro) como de non perecedoiros (por parte do Concello) e de hixiene. Desde a administración local agradécese a Cáritas os esforzos que están levando a cabo neste senso.

Para a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, a atención á poboación mais vulnerable “foi sempre unha das nosas prioridades e agora é a primeira. Estamos a centrar todos os nosos esforzos na atención aos nosos maiores e á poboación máis vulnerable, coa posta en marcha de medidas que garantan esa atención que requiren durante todo o ano, pero máis se cabe na situación que vivimos na actualidade”.

Apoio telefónico
A través do Programa “É hora de sumar +”, o Departamento de Benestar Social, a través da psicóloga municipal e diferente persoal, está a ofrecer apoio telefónico a todas aquelas persoas das que se ten constancia de que viven soas e/ou están en situación de vulnerabilidade. A pretensión é que se sintan acompañadas e arroupadas, mantendo ese contacto que permite saber se están ben, se teñen algunha necesitade, ou precisan algún tipo de axuda. A Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, JUPEMI, está a colaborar de xeito moi activo e desenvolvendo unha gran labor, mantendo o contacto cos seus socios, dándose ánimos e información, e tecendo unha rede de apoio moi importante e necesaria.

Axuda coas compras
Destinado a aquelas persoas maiores  ou con dificultade de mobilidade, que viven soas e non teñen rede de apoio familiar, o Departamento de Benestar Social puxo en marcha un un servizo de axuda coas compras de alimentación e medicamentos. A través do mesmo, recóllense as peticións, de alimentación básica e/ou medicación, xestiónase a compra  e entrégase no domicilio grazas a colaboración do transporte adaptado. As compras de alimentación repártense dúas veces á semana, martes e xoves, e as de medicación os mércores.

Transporte adaptado e Xantar na Casa
A través do servizo de transporte adaptado, o Departamento de Benestar Social segue a facer traslados a consultas médicas inescusables de persoas con dificultade de mobilidade, e acompañamentos  a trámites presencias necesarios e urxentes. Son servizos que se amplían tamén a persoas de idade sin apoio familiar. En canto ao servizo de Xantar na Casa, este segue a funcionar con total normalidade e cóntase con dar novas altas en caso de necesidade.

Axuda no Fogar
Seguindo as recomendacións de actuación ante a crise por COVID-19 o Departamento de Benestar Social, a través do programa de Axuda no Fogar, segue a garantir a continuidade da atención. Salvo aqueles casos de renuncia voluntaria, durante o estado de alarma, nos que se se suspendeu temporalmente o servizo unha vez comprobado que as prestacións se garantían correctamente por parte dos familiares -facendo un seguimento para comprobar que os usuarios e usuarias seguen a ter as súas necesidades correctamente cubertas-, mantéñense todos os demais servizos garantindo especialmente os servizos de  atención e coidado persoal, así como a cobertura das necesidades básicas esenciais: aseo, coidado persoal, vestido,alimentación, etc.

O Departamento de Benestar Social procedeu á reconfiguración de contidos e horarios para adaptalos a cada circunstancia concreta e intensificou algúns outros por modificacións das circunstancias do usuario/a. Seguiranse dando novas altas no servizo e facendo os reaxustes necesarios para adaptar os servizos ás necesidades dos usuarios/as. A coordinación coa empresa é boa e, dende o Concello, púxose a disposición das auxiliares de Axuda no Fogar o material de protección do que se dispoñía: luvas, xel e mascarillas. Igualmente, fíxose a solicitude pertinente de material tanto para o Departamento como para as propias auxiliares á Consellaría, para que poidan desenvolver a súa actividade con todas as garantías tanto para elas como para os usuarios/as.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, destaca que “o Departamento está a funcionar ao completo como servizo esencial que é. Aténdese de xeito telefónico e telemático, preferentemente de 9:00h a 14:00h, garantindo a atención presencial se fose preciso con cita previa; séguese a traballar e tramitar  con total normalidade por parte da maioría dos traballadores e traballadoras a través da modalidade de teletraballo e os mínimos  imprescindibles de xeito presencial, como é o caso dunha auxiliar e un/unha TS en cada unidade para garantir cubrir as eventuais urxencias que poidan xurdir. Do mesmo xeito facémolo co persoal de voluntariado, reparto de alimentos e transporte adaptado”.

Asemade, o departamento de Benestar conseguiiu tea, fío e goma para, a través do obradoiro de costura de Voluntariado, facer mascarillas para repartir entre o persoal, auxiliares de Axuda no Fogar e aquelas persoas o precisen.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Los concellos flexibilizan la ayuda en el hogar para garantizar el servicio"

 

benestar social

Multimedia

  • benestar social 1
  • benestar social 2