Pestanas principais

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presenta o proxecto de turismo enogastronómico Terras de Santiago, no que participa o Concello de Ames

Mércores, 28 de decembro de 2022

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou o pasado venres, 23 de decembro, o Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Terras de Santiago”, na sede do GDR Terras de Compostela. Trátase dun proxecto de turismo enogastronómico no que participará Ames, en conxunto con outros nove concellos da comarca que integran a asociación. A iniciativa recibirá 1,3 millóns de euros do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Ao acto de presentación asistiron en representación do Concello o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz.

O Plan de Sostibilidade Turística “Terras de Santiago” enmárcase dentro do Plan Nacional de Turismo Enogastronómico, e pretende mellorar a cota de mercado turístico da comarca. Para iso, búscase desenvolver distintos produtos de turismo enogastronómico que estean ligados ás actividades e á paisaxe agroalimentaria dos distintos concellos, así como que sirvan para mobilizar a eses mesmos territorios cara a modelos de xestión sostibles e competitivos.

O proxecto recibirá financiamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que está financiado cos fondos europeos Next Generation. Nel participarán os dez concellos integrantes da Asociación Terras de Compostela (Ames, Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Val do Dubra, Vedra, A Baña, Negreira e Santa Comba).

O PSTD “Terras de Santiago” articúlase en torno a 4 eixes, buscando potenciar os mercados gastronómicos locais, crear e difundir novos formatos de turismo gastronómico na comarca e reforzar a oferta de turismo activo. Nese senso, farase especial fincapé na mobilidade sostible, na dixitalización e na recuperación do uso turístico dos recursos naturais da comarca. Así mesmo, tamén se inclúe a promoción e atención dos visitantes, a través de iniciativas como a creación dun centro de visitantes ou unha tenda gastronómica, entre outras ideas.

O concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, destacou que “esta iniciativa supón unha gran oportunidade para dinamizar o papel de Ames no eido turístico e para poñer en valor de cara aos visitantes os recursos naturais e a gastronomía do noso concello”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, dixo que “se trata dunha boa nova que confirmou e apoiou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e que puxo en valor diante de representantes municipais dos concellos beneficiados. O proxecto de turismo enogastronómico elaborado polo GDR Terras de Compostela conta con 1,3 millóns de euros do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos europeos Next Generation. En Ames dentro deste plan presentamos dous proxectos: unha ruta enogastronómica polo rural, e un mercado artesá”.

16 plans de sostibilidade turística en toda Galicia
“Terras de Santiago” é un dos dezaseis proxectos galegos financiados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dentro do Plan de Sostenibilidad Turística en Destino 2022, e que foron presentados onte no Hostal dos Reis Católicos polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Ao acto asistiron o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e máis de trinta alcaldes, alcaldesas e responsables municipais das mancomunidades e asociacións beneficiadas na convocatoria, entre os que se encontraban o concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, e a técnica de Turismo, Sonia Moure.

Os proxectos, que foron aprobados durante a segunda semana de decembro pola Conferencia Sectorial de Turismo, recibirán un total de 34.575.400 euros para o seu desenvolvemento, e beneficiarán a preto de cen concellos nas catro provincias galegas.

Durante o xuntanza, Miñones aproveitou para reiterar o papel das entidades locais en Galicia no ámbito turístico, sinalando que son as encargadas de deseñar e executar a maior parte de actuacións financiadas polo Goberno e que “dinamizarán cidades, vilas e aldeas de toda Galicia”.

Así mesmo, o delegado do Goberno sinalou que as axudas do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo impulsarán no ámbito local “un modelo turístico baseado en criterios de sostibilidade e de calidade ao máximo nivel internacional”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El proyecto de turismo enogastronómico Terras de Santiago logra 1,3 millones del plan de recuperación"

El Correo Gallego: "Fondos para que Terras apoye la sostenibilidad en el turismo"

El Correo Gallego: "Terras de Compostela aposta polo turismo enogastronómico"

AMS GO!: "Ames súmase ao proxecto de turismo enogastronómico Terras de Santiago"

Enfoques: "Miñones presenta el proyecto de turismo enogastronómico 'Terras de Santiago'"

Ao acto de presentación dos 17 proxectos asistiron o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a técnica do departamento, Sonia Moure