[29-03-2018] As 17 alumnas e alumnos inscritos no curso de monitora e monitor de tempo libre están a cursar actualmente a primeira parte, a cal engloba os contidos de carácter teórico-práctico. Deste xeito, a formación, que comezou a primeira fin de semana de marzo, está a ser impartida no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, os sábados e os domingos, en horario de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:00 horas. O curso, homologado pola Xunta de Galicia, foi organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames (OMIX).

O curso de monitora e monitor en tempo libre comezou a primeira semana de marzo, coa participación de 17 alumnas e alumnos. O curso, que ten unha duración total de 350 horas, inclúe contidos específicos de medio ambiente e educación ambiental, primeiros auxilios básicos, atención a colectivos desfavorecidos ou persoas con diversidade funcional e coñecementos de manipulación de alimentos. Así mesmo, nel tamén se abordan outras disciplinas como a animación deportiva, o xogo ou a psicoloxía.
As 350 horas de duración divídense en dous bloques: un primeiro teórico-práctico de 200 horas e un segundo integramente práctico de 150. Neste momento, o alumando atópase cursando o primeiro deles, as fin de semanas, no Pazo da Peregrina, en horario de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:00 horas. Este primeiro bloque está conformado por 21 sesións que engloban a área da psicoloxía, da animación, da educación ambiental e da natureza, da educación para a saúde, da organización e dos recursos e da metodoloxía educativa.
Actividades en espazos abertos
Algúns destes contidos son impartidos ao aire libre, para que o alumnado se habitúe á realización de actividades en espazos abertos nos que haxa máis xente e aprenda a relacionarse, asemade, coas persoas das localidades. De igual maneira, o curso tamén inclúe a realización dalgunhas saídas, a espazos naturais protexidos ou a entidades que traballen con persoas con diversidade funcional, entre outras.
No tocante á metodoloxía empregada no propio curso, esta caracterízase polo dinamismo, a interacción e a participación do alumnado no seu propio proceso de aprendizaxe. Desta maneira, a metodoloxía ten un carácter eminentemente práctico, co obxectivo de que as persoas asistentes adquiran as competencias necesarias para o desenvolvemento das actividades.
150 horas de prácticas
O segundo bloque, que estará conformado por 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre supervisadas por unha titora ou titor, será realizado ao remate da primeira parte do curso. Este segundo bloque contará con dúas modalidades de realización: 14 días de participación nunha actividade ao aire libre, que se poderán agrupar en bloques non inferiores a tres días, ou 150 horas en actividades cunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre. Unha vez completada a primeira parte formativa, o alumando dispón dun prazo de dous anos para facer as prácticas.
Contido relacionado

Compostela 24 Horas: "El curso de monitor de tiempo libre cuenta con 17 alumnos"




