Pestanas principais

O curso de mecanografía para crianzas inaugurará a programación da Aula CeMIT para os meses de maio, xuño e xullo

Sábado, 05 de maio de 2018

[05-05-2018] Ao longo dos próximos tres meses, a Aula CeMITcontará cunha trintena de actividades dirixidas tanto a persoas adultas como a crianzas. Deste xeito, alén de cursos e ciclos formativos, a Aula CeMIT tamén ten programada a realización de varias charlas informativas, exames EMA de teleformación, así como diferentes obradoiros para nenas e nenos durante o verán. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.


O primeiro dos cursos programados para o mes de maio é o de “Mecanografía para nenas/os menores de 10 anos”. O curso, que se desenvolverá entre o 14 de maio e o 18 de xuño, os luns, entre as 18:15h e as 19:00 horas, suporá unha forma de achegarse ao computador a través da mecanografía, evitando asemade que as crianzas adopten hábitos nocivos durante a escrita. Nas mesmas datas, só que nun horario diferente, entre as 19:00h e as 19:45 horas, celebrarase o curso “Mecanografía para rapazas/es maiores de 10 anos”.

Así mesmo, entre o 16 de maio e o 20 de xuño, terá lugar a formación “Informática Básica”, os mércores, entre as 18:15h e as 19:45 horas. Esta formación introdutoria estará dirixida a cativas e cativos de menos de 10 anos, que non estean familiarizados cos ordenadores. Cómpre lembrar que á hora de matricular ás crianzas é preciso que estas estean rexistradas, previamente, na Aula CeMIT. 

Cursos para persoas adultas
O curso “eAdministración: DNIe, certificados dixitais, cl@ve, chave365 e sede electrónica do Concello de Ames” estreará a programación da Aula Cemit dirixida a un público adulto. O curso, que se celebrará os martes e os xoves, entre o 22 e o 31 de maio, estará adicado á familiarización das persoas participantes con estes sistemas. A formación, que se desenvolverá entre as 18:15h e as 19:45 horas, incluirá exemplos prácticos.

Posteriormente, entre o 30 de maio e o 20 de xuño, o curso “O correo electrónico” estará adicado a afondar nas posibilidades que nos brinda este operativo. Esta actividade formativa estará centrada no Gmail, como exemplo chave para entender o resto de servizos de correo como poden ser o Outlook ou o Yahoo. O curso realizarase os mércores, das 10:00 ás 11:30 horas. A Aula Cemit tamén inclúe na súa programación trimestral a realización do obradoiro “Mecanografía para adultos”, que se realizará entre o 25 de xuño e 23 de xullo, os luns, entre as 18:15 e as 19:45 horas.

Os últimos dous cursos para persoas adultas programados pola Aula CeMIT de Bertamiráns son “Deseño vectorial con Inkscape” e “Manexa as apps do teu móbil”. O primeiro deles terá lugar entre o 3 e o 24 de xullo, os martes, das 18:15h ás 19:45 horas. Nel abordarase, de maneira introdutoria, o manexo da interface e das ferramentas básicas do Inkscape: un editor de imaxes vectoriais libre e potente, óptimo de cara ao deseño de carteis e logotipos. O segundo dos cursos desenvolverase do 4 ao 19 de xullo, os mércores e os xoves, no mesmo horario. Nel traballaranse as aplicacións máis útiles que se poden atopar actualmente nos smartphones

Ciclo de introdución ás tecnoloxías da información e da comunicación
O ciclo estará conformado por tres cursos, indicados para aquelas persoas que queiran achegarse ao mundo da informática, incluíndo desde o uso máis básico dun computador ata o emprego cotiá da internet e das redes sociais. O primeiro dos cursos, “Iniciación á Internet”, desenvolverase entre o 15 e o 23 de maio, os martes e os xoves, entre as 10:00h e as 11:30 horas. Nesta formación introducirase ás persoas asistentes no uso do ordenador, do rato e do teclado, do sistema operativo... En definitiva, nela ofreceranse as bases que logo permitirán un uso acaído da internet e das súas funcionalidades.

“Iniciación a Internet” é o nome do segundo dos curso que conforman este ciclo. Entre o 24 de maio e o 12 de xuño, os martes e os xoves, de 10:00h a 11:30 horas, o curso abordará o manexo do navegador e das interfaces das diferentes webs. Por último, a formación “Iniciación ás redes sociais” terá lugar entre o 14 e o 21 de xuño, os martes e os xoves, de 10:00h a 11:30 horas. Neste curso farase unha introdución ás redes sociais máis relevantes do momento, vendo que son e para que serven.

Ciclo de emprego
O Ciclo de emprego contará con dous cursos, dirixidos a persoas que estean á procura de emprego. O obradoiro “Crea o teu CV” realizarase os días 26 e 27 de xuño, en horario de 10:00h a 11:30 horas. Nel presentaranse diferentes técnicas orientadas á realización dun bo currículum, que estea adaptado ao noso historial e que conte cun deseño atractivo. O taller “Busca de emprego por Internet” farase o xoves, 28 de xuño, no mesmo horario. Neste curso, as persoas asistentes aprenderán a buscar emprego na rede. 

Cursos de verán
Os cursos de verán serán sempre en horario de mañá e caracterizaranse polo seu carácter lúdico e formativo. Coa súa organización, a Aula CeMIT busca que as nenas e nenos do concello aproveiten as vacacións escolares, aprendendo informática de maneira amena. Destes cursos, os dous primeiros estarán protagonizados pola mecanografía. Deste modo, as cativas e cativos interesados en aprender a escribir no computador poderán facelo os luns, entre o 25 de xuño e o 23 xullo. Haberá dúas quendas: de 10:00h a 11:00 horas será o turno das crianzas menores de 10 anos e de 11:00h a 12:00 horas o das nenas e nenos máis maiores.

O obradoiro “Informática lúdica para menores de 8 anos” terá lugar entre o 26 de xuño e o 24 de xuño, os martes, en horario de 10:00h a 12:00 horas. Neste obradoiro, as crianzas participantes aprenderán a debuxar, a pintar e a escribir mentres se divirten manexando o rato e o teclado. O curso “Programación en Scratch para rapazas/es de entre 8 e 12 anos” desenvolverase do 27 de xuño ao 18 de xullo, os mércores, de 10:00h a 12:00 horas. Con esta actividade formativa, as cativas e os cativos poderán achegarse ao mundo da programación desde miúdos, de maneira que poidan desenvolver o razoamento lóxico ao tempo que interiorizan conceptos informáticos.

A formación “Edición de imaxes para adolescentes” celebrarase os xoves, do 28 de xuño ao 26 de xullo, das 10:00h ás 12:00 horas. Con esta iniciativa, búscase achegar ás mozas e mozos á informática a través da fotografía.O curso, que está dirixido a crianzas maiores de 10 anos, traballará con ferramentas gratuítas como son o Pixlr Editor ou o GIMP. 

Charlas informativas
A Aula CeMit de Bertamiráns organiza mensualmente a visualización dunha charla, en formato videoconferencia, que se emite desde a Escola Galega de Consumo. No mes de maio, dita charla celebrarase o luns, 14 de maio, das 12:00h ás 13:00 horas e estará centrada na factura do gas. Coa mesma, preténdense facilitar os coñecementos básicos necesarios para comprender a factura, así como para adoptar medidas de aforro e para presentar reclamacións nos distintos supostos que se poidan dar en relación á contratación destes servizos.

En xuño, a charla producirase o luns, 4 de xuño, entre as 11:00h e as 12:00 horas. Nesta ocasión a charla versará sobre a contratación de viaxes, concretamente sobre os dereitos das persoas neste ámbito. Neste sentido, a charla ofrecerá unha serie de consellos sobre as axencias de viaxes, as pasarelas de pago online e a resolución de conflitos, entre outras cousas.

Exames EMA de teleformación
Os exames EMA son uns exames presenciais, precisos para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe do CeMIT. Nos próximos meses haberá tres convocatorias: o 25 de maio, o 29 de xuño e o 20 de xullo. Os exames realizaranse sempre entre as 12:00 e as 13:00 horas.

Tramitación das inscricións
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Aula CeMIT incorpora cursos para menores de 10 años"