Pestanas principais

O curso de fruticultura deste sábado abre a programación de primavera da Aula da Natureza

Mércores, 20 de abril de 2016

[20-04-2016] Esta fin de semana comeza a primeira actividade das sete programadas pola concellaría de Medio Ambiente para os meses de primavera. Trátase dun curso de fruticultura que se impartirá os sábados 23 e 30 de abril e 7 de maio, nas instalacións da Aula da Natureza, e para o que aínda quedan prazas dispoñibles. Ademais, organizouse unha ruta pola praia de San Pedro, en Sada, e obradoiros de cosmética natural e de cestería. A primeira fin de semana de xuño, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Medio Ambiente, terá lugar unha excursión aos Ancares. As persoas interesadas nestas actividades poden inscribirse ou solicitar máis información chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou escribindo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal


Este sábado, 23 de abril, entre as 16:00 e as 20:00 horas, impartirase a primeira clase dun curso de fruticultura na Aula da Natureza. O curso continuará o sábado 30 de abril, en horario de 16:00 a 20:00 horas, e rematará o sábado 7 de maio; clase que terá lugar entre as 10:00 e as 16:00 horas. Esta actividade está dirixida a un público adulto e ofértanse un total de 20 prazas.

O sábado 7 de maio a veciñanza amesá pode participar nunha saída á praia de San Pedro, en Sada. Un autobús recollerá ás persoas participantes, primeiro na praza do Concello ás 9:30 horas e despois na Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:40 horas. Durante a visita á praia realizarase unha intermareal na que se van recoller mostras da fauna e flora rochosas da zona. Ao mediodía, realizarase unha parada no albergue de Gandaría. Tralo xantar, para o cal cada persoa deberá levar a súa propia comida, analizaranse as mostras recollidas na praia de San Pedro ao longo da mañá. O autobús regresará a Ames arredor das 19:00 horas.

O 14 de maio, tamén sábado, a Aula da Natureza acolle un obradoiro de cosmética natural dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos. Nel aprenderán a facer xabón de forma artesanal. O obradoiro desenvolverase entre as 11:00 e as 13:00 horas. A terceira fin de semana de maio, o sábado 21 e o domingo 22, a Aula da Natureza volve acoller outro obradoiro, neste caso de cestería de varas e dirixido a un público xuvenil e adulto, impartido por Lola Tourón. O curso impártese en horario de 10:30 a 13:30h e de 16:00 a 19:30 horas e hai 20 prazas dispoñibles.

O sábado 28 o departamento de Medio Ambiente organiza outra saída á natureza polo río Tambre. Nesta ocasión o destino será unha ruta que, saíndo de Tapia e cruzando carballeiras, chega ata o lugar de Oca, para despois retornar a Tapia bordeando a ribeira do río Tambre. O grupo fará a excursión acompañado por distintos especialistas en ornitoloxía, entomoloxía, cogomelos ou botánica. Un autobús recollerá ás persoas interesadas na Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:30 horas, facendo outra parada na praza do Concello de Bertamiráns ás 10:40 horas. A volta está programada en torno ás 14:00 horas.

O último obradoiro desta programación de primavera terá tamén lugar na propia Aula da Natureza. Nesta ocasión o público xuvenil e adulto que acuda aprenderá a crear as súas propias cremas de xeito artesanal. O obradoiro desenvolverase entre as 16:30 e as 20:00 horas e hai 20 prazas dispoñibles.

Día Internacional do Medio Ambiente
Para celebrar o Día Internacional do Medio Ambiente organízase unha excursión aos Ancares, que está dirixida a toda a veciñanza amesá. Nesta actividade, que se desenvolverá os días 3, 4 e 5 de xuño, poden participar un máximo de 30 persoas. As prazas reservaranse por rigoroso orde de inscrición. Cos e coas excursionistas viaxará o xeólogo e profesor titular da USC Rogelio Pérez Moreiras.

Un autobús recollerá ás persoas participantes o venres 3 de xuño, primeiro na praza do Concello de Bertamiráns ás 17:45 horas, e a continuación, na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18:00 horas. Tanto o aloxamento no albergue de montaña Club Ancares como a manutención correrán a cargo das persoas participantes. O Concello de Ames tramitará as reservas do albergue e dos lugares das comidas. As tarifas e as características do albergue pódense consultar na seguinte ligazón: http://www.albergueancares.com/instalaciones/.

O sábado, 4 de xuño, comezará cunha charla-coloquio sobre a xeoloxía dos Ancares. O grupo de participantes fará unha saída a pé ao pico de Tres Bispos, percorrendo a campa de Ortigoso, a campa de Tres Bispos -na que se fará unha parada para o almorzo-, subirán ao pico de Tres Bispos e continuarán pasando pola campa de Brego, o bosque de Acivros e rematarán no camiño de Cabanavella. A merenda terá lugar no propio albergue. Tralo descanso da tarde farase un pase fotográfico sobre a xeoloxía dos lugares visitados antes da cea. O domingo, 5 de xuño, un autobús levará ao grupo nunha ruta polo bosque de Cabaniños, Piornedo, Balouta -onde se fará unha parada para xantar-, Porto dos Ancares e Navia de Suarna. A volta a Ames realizarase en torno as 19:00 horas.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"A fruticultura vai chegar ata a aula da natureza local"