Pestanas principais

O cuarteto Tetramorph pecha o ciclo Noites en Vela este venres

Martes, 16 de agosto de 2016

[16-08-2016] Este venres, 19 de agosto, a Pontemaceira acolle a última sesión das Noites en Vela deste Verán. Pechará este ciclo de concertos o cuarteto de música clásica Tetramorph, que actuará ás 22:00 horas. Remata así unha iniciativa nada da colaboración entre os departamentos de cultura dos Concellos de Ames e Negreira.

O cuarteto Tetramorph nace da colaboración de catro estudantes de clarinete do Conservatorio Superior de Música de Vigo en 2014, Amelia Ónega, Martiño Malleiro, Melissa David e Miguel Antonio Costa. Os catro clarinetistas teñen participado na Semana de Música de Cámara de Vigo, no ano 2014, no festival “Peregrinos Musicais”, en Santiago de Compostela, no ano 2015 ou no Aldebaran Music Festival 2016 , na rexión italiana de Lombardía. Na súa páxina de Facebook pódense escoitar algunhas das gravacións e interpretacións destes catro músicos galegos, especializados en repertorio do século XX.

A través deste evento musical trátase de valorizar o entorno da Ponte Maceira. Durante os concertos apágase o alumeado público e acéndense centos de pequenas velas que se lle dan un encanto especial a este lugar que xa conta cunha beleza singular. O lugar no que se ofrecen os concertos é o entorno da Ponte Vella, a ponte romana que divide os concellos de Ames e Negreira.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"O cuarteto Tetpamop de música clásica pecha as Noites en Pontemaceira"
La Voz de Galicia:" Tetramorph, en Ponte Maceira"