[28-04-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, reuniuse este mércores coas forzas de seguridade do concello de Ames. En primeiro lugar mantivo unha xuntanza co inspector da Policía Local, José Antonio Rodríguez, e posteriormente co tenente-comandante do posto da Garda Civil do Milladoiro, Jesús Ramón Viaño, que confirmou a incorporación de 7 novos axentes para o posto do Milladoiro a partir do vindeiro 5 de maio. Deste xeito, cubriríanse os 35 postos cos que comezou a funcionar este cuartel en 2011. Ademais, as forzas de seguridade incidiron en que teñen varias liñas de investigación abertas para deter aos presuntos autores dos intentos de roubo que se produciron no Milladoiro a pasada fin de semana.
O rexedor municipal destaca que na xuntanza mantida onte co tenente-comandante do posto da Garda Civil do Milladoiro, Jesús Ramón Viaño, lle confirmou que a partir do vindeiro 5 de maio se van a incorporar 7 novos axentes ao cuartel da Garda Civil do Milladoiro co obxectivo de dispor dos 35 efectivos que había en 2011 cando se inaugurou este posto da Garda Civil. O incremento de persoal neste cuartel foi un dos puntos tratados na última Xunta Local de Seguridade celebrada no pasado mes de novembro.
Miñones explica que “celebramos que se cubran eses 7 postos, pero segue sendo insuficiente e por iso pedimos que se siga incrementando o cadro de persoal deste cuartel ata chegar aos 50 axentes co que habería unha ratio dun axente por cada 1.000 habitantes”.
O alcalde incide en que “dende o goberno municipal consideramos que o número de axentes que ten o cuartel da Garda Civil do Milladoiro, que dá servizo a cinco concellos da comarca e a unha poboación de 50.000 habitantes, segue sendo claramente insuficiente, polo tanto cremos necesario incrementar este número de efectivos ata os 50 axentes, que é a dimensión idónea que debería ter este posto para o servizo que presta, sobre todo tendo en conta a necesidade de abrir o cuartel en tres quendas (mañá, tarde e noite). Así, tamén quedaría garantindo o servizo ao público, que na actualidade tampouco se cumpre”.
Reforzo da seguridade no Milladoiro
Nos encontros mantidos onte tamén se falou dos intentos de roubo que se produciron en varios establecementos do Milladoiro a fin de semana pasada. Tanto o inspector da Policía Local como o tenente da Garda Civil trasladáronlle ao rexedor municipal que non existe unha vaga de roubos, polo que non existe unha situación especial respecto a outra época do ano. Neste mesmo sentido, as forzas de seguridade indicaron que o número de denuncias é similar ao de hai un ano, polo que non houbo un incremento dos delitos nestes últimos meses.
O alcalde explica que “o que si houbo foi unha actuación puntual durante a fin de semana pasada e na que se produciu un intento de roubo en tres establecementos do Milladoiro, que foron realizados por un grupo de persoas, que presuntamente xa foron detidas noutras ocasións, pero que non pertencen a unha banda organizada. Estas persoas intentaron forzar as pechaduras de varios establecementos ata que conseguiron acceder a algún deles. A Garda Civil ten xa varias liñas de investigación abertas para deter aos presuntos autores destes feitos”.
Para previr feitos similares no futuro, a Policía Local vai a facer un reforzo na seguridade no Milladoiro e a Garda Civil, que xa reforzou o servizo de vixilancia nesta localidade, vai a seguir con ese traballo que está desenvolvendo. “Non existe unha situación especial polo que hai que lanzar unha mensaxe de tranquilidade e non alertar á cidadanía, porque iso o que provoca é un efecto chamada que non ten fundamento algún”, remata dicindo Miñones.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Siete nuevos agentes para la Guardia Civil en solo una semana"
La Voz de Galicia: "El cuartel de la Guardia Civil de Milladoiro tendrá siete agentes más antes de una semana"




