Pestanas principais

O cuartel da Garda Civil do Milladoiro incrementa a súa plantilla con seis novos axentes

Mércores, 22 de marzo de 2017

[22-03-2017] O boletín oficial da Garda Civil publicado este martes, 21 de marzo, recolle a resolución número 1730001 de 17 de marzo de 2017, pola que se anuncian vacantes de provisión por antigüidade, para Gardas Civís en situación de activo (nivel 17). Para o cuartel da Garda Civil do Milladoiro convócanse tres novas prazas. A estas prazas hai que engadirlle tres axentes máis que na actualidade se atopan en comisións de servizos. Deste xeito, increméntase a plantilla deste posto en seis novos efectivos e vaise dando cumprimento a unha das reclamacións feitas polo goberno municipal, ante a subdelegación do Goberno na Coruña, nas últimas xuntas locais de seguridade de dotar de máis efectivos ao cuartel da Garda Civil do Milladoiro.

O cuartel da Garda Civil do Milladoiro comezou a funcionar no ano 2011 cunha plantilla de 35 axentes. Dende ese momento debido a diversas baixas o número de axentes foi diminuíndo. Na Xunta Local de Seguridade celebrada en novembro de 2015 o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, comprometeuse a cubrir as 7 vacantes existentes no cuartel da Garda Civil do Milladoiro, para volver a contar cos 35 axentes que había inicialmente.

Unha vez cubertas esas vacantes, na Xunta de Goberno Local de decembro de 2016, o alcalde de Ames, José Miñones, agradeceulle ao subdelegado do Goberno na Coruña a cobertura dos 7 postos que estaban descubertos, pero ademais, pediulle que fixera as xestións oportunas en Madrid co obxectivo de incrementar o número de axentes en base ao crecemento poboacional que segue experimentando Ames ano a ano, á extensión de superficie que ten que atender este cuartel, coa peculiaridade de ter dous grandes núcleos de poboación como son Bertamiráns e O Milladoiro e de dispor dunha poboación cunha idade media de 38 anos.

Deste xeito, dende hai dez días o posto principal do Milladoiro conta con 3 novos axentes en comisión de servizos, e segundo se recolle no boletín oficial da Garda Civil publicado este martes, 21 de marzo, vaise incrementar a plantilla do posto da garda Civil do Milladoiro con tres novos axentes, o que permite incrementar notablemente o número de efectivos. Ademais, este mesmo martes o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, explicou na Xunta Local de Seguridade, celebrada no concello veciño de Teo, a previsión desta dotación de efectivos.

O rexedor municipal móstrase satisfeito e agradecido pola boa nova de que o cuartel da Garda Civil do Milladoiro vaia a contar con seis novos axentes que se suman aos sete xa cubertos neste mesmo ano, incrementando así en 13 o número total dende a chegada ao goberno.

Tal e como destaca José Miñones “é necesario dotar de máis efectivos ao cuartel da Garda Civil do Milladoiro polas peculiaridades da poboación do noso concello e pola grande extensión de territorio que atenden os axentes deste corpo de seguridade. Congratulámonos de que a liña de actuación vaia encamiñada nesta cobertura e esperamos que en breve a cobertura total sexa coa que naceu este cuartel do Milladoiro”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O cuartel da Garda Civil do Milladoiro incrementa a súa plantilla con seis novos axentes"
La Voz de Galicia: "Satisfacción por los nuevos refuerzos en el cuartel de Milladoiro"