[14-04-2016] Esta semana o contador de contos, Anxo Moure, visitou a Escola Infantil Municipal da Madalena, no Milladoiro, no marco de actividades programadas durante este mes do libro. Ademais, o contacontos visitará a vindeira semana a Escola Infantil Municipal do Bosque. Estas actividades enmárcanse dentro da programación anual de actividades das escolas infantís municipais.
O contacontos chegou á escola montado nun nubilete, como explica a súa directora Sandra Dios, un patinete en forma de nube creado polo propio Anxo Moure. O contador de contos visitou todas as clases da escola no seu nubilete, para despois comezar a contar historias. Moure é, como explica a directora, "un conto vivinte, tanto a súa vestimenta como a forma que ten de chegar á escola de cada vez forman parte das historias que transmite".
O alumnado da escola, para sorpresa das mestras, recoñeceu ao contacontos nada máis cruzar a porta: "É o Apalpador", berraban nenos e nenas. O propio Moure tivo que desbotar esta teoría, explicándolles aos pequenos e pequenas que o Apalpador, aquel home que os visitara no outono para regalarlles castañas, é, en realidade, o seu avó. Con Moure chegaron ás aulas da Madalena sereas e peixes do río Miño, que lles explicaron os nenos e nenas a importancia de non botar lixo aos ríos. Sandra Dios explica que o contacontos "chega incluso a nenos e nenas de idades tan pequenas, é incrible as gargalladas que botan cando el conta historias".
Anxo Moure desveloulle aos nenos, nenas e mestras un dos seus segredos: o corazón de buxo que sempre leva con el. Un corazón que é, en realidade, un peitoque de buxo cuxo son asombrou ao público. Ademais, o contador de contos visitará a vindeira semana a Escola Infantil Municipal do Bosque. Foi a súa directora, Emilia Seara, a que lle falou a Sandra Dios de Anxo Moure, e da forma que ten este narrador de chegar ao alumnado máis novo.
Mes das profesións e da música
Esta non é a única actividade que se leva a cabo nas escolas infantís municipais durante o mes de abril. "Ao longo deste mes os pais e nais estanse achegando ás aulas para falarnos das súas profesións ou para tocar algún instrumentos", explica Sandra Dios. "É unha forma de romper a rutina dos nenos e das nenas, de que aprendan de xeitos distintos".
Ademais o alumnado fará unha excursión ata as Galerías de Sargadelos, en Santiago de Compostela, para asistir á narración doutro contacontos. Nesa saída participarán os e as maiores, pero nenos e nenas de 1 a 2 anos tamén terán a súa propia excursión: "Iremos de excursión ata o supermercado Mercadona, para que poidan ver como funciona unha peixería, unha charcutería ou unha froitería". A maiores esta escola está preparando unha saída ao Pazo da Peregrina.




