Pestanas principais

O consorcio seguirá estudando a mellor opción para o Parque de bombeiros da comarca

Venres, 09 de xuño de 2017

[09-06-2017] Esta mañá os alcaldes de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Vedra e Santiago de Compostela (o rexedor de Val do Dubra non puido asistir) mantiveron unha xuntanza na Coruña co presidente e xerente do Consorcio Provincial Contraincencios e Salvamento da Coruña e con representantes da Xunta de Galicia, para avanzar na construción dun novo parque comarcal de bombeiros. Nesta xuntanza presentouse un estudo feito en 2014 sobre a comarcalización do parque de bombeiros de Santiago, que rebaixa considerablemente os custos do estudo presentado polo Concello de Santiago. Os rexedores dos concellos da comarca compostelá pediron que se axilicen as xestións e que o novo parque sexa de xestión pública.

Esta mañá realizouse unha xuntanza na Coruña para avanzar na posta en marcha dun novo parque comarcal de bombeiros que preste servizo aos concellos da comarca compostelá. A este reunión asistiron os alcaldes de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Vedra e Santiago de Compostela. O rexedor de Val do Dubra non puido asistir. Tamén participaron o presidente e o xerente do Consorcio Provincial Contraincencios e Salvamento da Coruña, así coma representantes da Xunta de Galicia.

Neste encontro os representantes da Xunta de Galicia explicaron que na provincia da Coruña existen dúas zonas de sombra e amosaron o seu compromiso para cubrir a zona de sombra que existe na comarca de Compostela para que dispoña de xeito gratuíto do servizo de extinción de incendios como o resto de municipios da provincia da Coruña. Ademais, presentaron un estudo feito en 2014 sobre a comarcalización do parque de bombeiros de Santiago, que rebaixa considerablemente os custos que se recollen no estudo presentado polo Concello de Santiago.

Os custos de dito estudo, presentado no día de hoxe, son semellantes aos que se recollen na proposta feita dende o Consorcio. Deste xeito, ábrese un proceso de estudio de dita documentación. Debido a que os asistentes a dita reunión descoñecían a existencia deste estudo vaise a mirar con detemento por parte de Santiago ao longo da vindeira semana, e para o próximo venres, 16 de xuño, convocouse unha nova xuntanza, para avaliar esta posibilidade entre os representantes do Consorcio e do Concello de Santiago. Tras esta reunión o propio Consorcio informará aos concellos da comarca compostelá.

Dende os Concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra solicitóuselle ao Consorcio que se axilicen o máximo posible os trámites para a construción do novo parque comarcal de bombeiros e que se fixe un calendario con datas concretas para poder avanzar en dito proceso. Asemade, pediuse que a xestión do devandito parque sexa publica.

Propostas para o parque comarcal
Cómpre lembrar que no pasado mes de marzo, tal e como se acordara no seo da Mancomunidade, o Concello de Santiago presentou un estudo económico e de necesidades sobre a posibilidade de comarcalización do seu parque de bombeiros. Posteriormente, dende o Consorcio presentouse outra proposta para a construción do novo parque comarcal de bombeiros o Consorcio que ten como referencia o parque feito en Santa Comba, aínda que habería que adaptar este modelo ás necesidades específicas da comarca de Santiago.

As grandes cifras que manexa o Consorcio son de 800.000 euros para a construción do edificio, entre 750.000 e 800.000 euros para dotar de persoal a dito parque e algo máis dun millón de euros para a compra e vehículos e outro tipo de material que é necesario. Tería un custo aproximado de tres millóns de euros, que é un presuposto moi inferior o que se reflicte no estudo presentado polo Concello de Santiago para municipalizar o seu parque de bombeiros e que agora deberá revisarse. Na reunión de hoxe quedou claro o compromiso do Consorcio por dar cobertura aos concellos da comarca de Santiago e axilizaranse os prazos para acadar canto antes unha proposta.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un informe de 2014 rebaja el importe de comarcalizar a los bomberos de Santiago"
La Voz de Galicia: "Los alcaldes reculan y vuelven al plan del parque de bomberos de Santiago"