Pestanas principais

O Consello Sectorial das Nenas e Nenos de Ames inicia unha recollida solidaria para os campamentos saharauís

Martes, 29 de marzo de 2022

O Consello Sectorial das Nenas e Nenos de Ames vén de poñer en marcha unha campaña solidaria de recollida de material escolar, roupa deportiva e alimentos non perecedoiros para os campamentos saharauís. Esta é unha das tres propostas aprobadas na segunda sesión do consello sectorial, celebrada o pasado 16 de febreiro. As propias crianzas realizaron o cartel da campaña, que contará con varios puntos de recollida nos CEIP de Barouta, A Maía e Agro do Muíño, o CEP de Ventín e nas dúas Casas da Cultura.

Na segunda sesión do Consello Sectorial das Nenas e Nenos de Ames, celebrada o pasado 16 de febreiro, aprobouse poñer en marcha a campaña “Hai que velo cos seus ollos”. Trátase dunha iniciativa solidaria para a recollida de material escolar, roupa deportiva e alimentos non perecedoiros para os campamentos saharauís.

As propias nenas e nenos foron os encargados de deseñar o cartaz da campaña nunha sesión do Foro de participación o que tamén acudiu Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Esther Ibarra faloulles sobre a situación nos campamentos saharauís, do programa Vacacións en Paz, das necesidades das nenas e nenos saharauís e tamén lles aclarou as dúbidas que lle plantexaron.

A través desta campaña preténdese recoller material escolar, roupa deportiva (equipamentos) e alimentos non perecedoiros (que non estea en envases de cristal). Sobre todo precísanse conservas de peixe, mel, aceite de oliva, vinagre, cacao, azucre, sal, arroz, lentellas, etc. Haberá varios puntos de recollida nos CEIP de Barouta, A Maía e Agro do Muíño, o CEP de Ventín e nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca “o gran traballo que están a facer os nenos e nenas do Consello Sectorial e sobre todo o seu compromiso e a madurez que teñen a hora de facer propostas, tomar decisións e executalas. Dá gusto ver o percorrido feito en tan pouco tempo de vida deste Consello”.

Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, explicou que “o ano pasado enviamos dende SOGAPS unha caravana de vehículos chea de axuda humanitaria. Este ano foi o Concello de Ames o que nos propuxo esta iniciativa e pareceunos interesante poñer en marcha esta campaña. Este ano o que máis necesitan son alimentos non perecedoiros e equipamentos de roupa deportiva para os equipos que teñen nos colexios saharauís”.

Programa Vacacións en Paz 2022

Ademais, a Concellaría de Benestar Social colabora un ano máis coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) na campaña Vacacións en Paz 2022. A asociación busca a colaboración un ano máis da veciñanza amesá para a acollida de nenos e nenas saharauís durante dous meses de verán. As persoas interesadas poden enviar un correo ao enderezo electrónico sogaps.oficial@gmail.com ou chamar ao número de teléfono 986 262 637.

Os responsables do programa Vacacións en Paz poñeranse en contacto con cada persoa ou familia que estea interesada no proxecto, co fin de informalos do proceso que hai que seguir para acoller ou para resolver dúbidas e aportar máis información ao respecto. Na actualidade hai dúas familias de Ames interesadas en acoller nenas e nenos saharauís, pero aínda existe a posibilidade de apuntarse no programa. O obxectivo de SOGAPS é traer 300 nenos e nenas saharauís a Galicia durante o verán de 2022.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Recogida de material escolar, ropa y alimentos para los niños del Sáhara"

AMSGO!: "Recollida solidaria para os campamentos saharauís por parte das nenas e nenos de Ames"

O Consello Sectorial das Nenas e Nenos de Ames inicia unha recollida solidaria para os campamentos saharauís

Multimedia

  • Cartaz da campaña solidaria de recollida elaborado polos nenos e nenas do consello sectorial
  • O Consello Sectorial das Nenas e Nenos de Ames inicia unha recollida solidaria para os campamentos saharauís
  • O Consello Sectorial das Nenas e Nenos de Ames inicia unha recollida solidaria para os campamentos saharauís
  • O Consello Sectorial das Nenas e Nenos de Ames inicia unha recollida solidaria para os campamentos saharauís