- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu unha nova xuntanza do Consello municipal de Educación, no que se falou sobre o inicio do curso escolar 2023/2024. O alcalde de Ames e a concelleira de Educación, Blas García e Carmen Porto, presidiron o Consello Escolar Municipal, xunto coa técnica de Educación, Rosa García como secretaria.
Nesta primeira reunión abordáronse temas como o inminente comezo do curso académico o próximo 11 de setembro, as obras de mantemento acometidas en cada un dos centros, así como os importes e o presuposto adicado a cada centro, e a necesidade de reformar o sistema de conciliación dos comedores escolares.
Reforma dos servizos complementarios
O rexedor amesán destaca o bo funcionamento do actual sistema pero pon de manifesto a necesidade de empezar a acometer reformas antes de que este modelo, referencia para os municipios veciños, se volva insostible.
“Actualmente Ames ten case 1.500 usuarios no servizo de comedores escolares, unha cifra que aumenta cada ano e que está preto de ser in-asumible para o Concello”, apunta o alcalde. “Este é un sistema de conciliación de calidade e queremos que siga sendo así”.
Cabe recordar que o Concello de Ames aumentará considerablemente o número de rapazada escolarizada debido á ampliación do CEIP Agro do Muíño e o CEIP Milladoiro e na actualidade supera en case 500 usuarios este servizo a un Concello con aproximadamente un triplo de poboación como pode ser Santiago de Compostela.
García propón a creación dunha mesa de traballo para así poder consensuar os cambios coas ANPAS, a comunidade educativa e as familias: “O modelo debe seguir sendo un sistema de conciliación de calidade e sostible”, finaliza o alcalde.
Este consenso para modificar o actual regulamento e ordenanza está previsto que se elabore durante este mesmo ano escolar para que poida entrar en vigor no curso 2023/2024.
Obras de mantemento
A concelleira de Educación, Carmen Porto, des-glosou as a cantidade total investida entre os centros escolares, os comedores, as galiñas azuis e as escolas infantís municipais antes do inicio deste curso escolar, que ascende a un total de 46.870 euros.
No desglose desta cifra cabe destacar o investimento do CEIP de Barouta, que ascende a 13.268 euros. “O investimento de Barouta responde a un excepcional mal estado tanto do interior como do exterior do centro” explica Porto. Cabe recordar que este centro será obxecto de máis actuacións debido aos acordos que o Concello de Ames chegou coa Xunta de Galicia para que sea o ente autonómico o que se encargue de reparar a cuberta e reforme os baños do colexio, “actuación á que se comprometeron e que debe estar rematada antes do remate deste ano”, finaliza a concelleira.
Novas infraestruturas educativas
No caso do novo CEIP do Milladoiro todo parece indicar que a Xunta de Galicia non ten obstáculos para cumprir o cronograma que o propio ente autonómico fixou despois de que o goberno local de Ames aprobase en Xunta de Goberno a licencia de obras pertinente. Desta forma a previsión do fin das obras que farán posible o primeiro centro que se levante baixo os cánones do Plan de Arquitectura Pedagóxica está fixada no ano 2025.
En canto a ampliación de Agro do Muíño estanse a realizar obras que farán posible a escolarización de 150 novos alumnos, mellorando os espazos, ampliando o comedor e creando un novo volume de espazo que se sumará ao existente.





