Pestanas principais

O Consello Municipal de Deportes aproba o regulamento da Gala do Deporte de Ames que se celebrará o 16 de febreiro en Bertamiráns

Sábado, 20 de xaneiro de 2018

[20-01-2018] Esta semana realizouse a primeira xuntanza de 2018 do Consello Municipal de Deportes na que se aprobou o regulamento da Gala do Deporte de Ames. Deste xeito, decidiuse que a duodécima edición da Gala do Deporte celebrarase o vindeiro venres, 16 de febreiro, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén se acordou que as persoas premiadas non poderán volver ser candidatas ao mesmo premio no ano seguinte a recibir o galardón. Esta é unha das principais modificacións feitas en dito regulamento, xa que anteriormente recollíase que se unha persoa era premiada non podía volver a levar o mesmo premio durante os próximos cinco anos.

Tres meses despois da última xuntanza, e nas mesmas datas que o ano pasado, o Consello Municipal de Deportes de Ames reuniuse este pasado luns, 15 de xaneiro, por vez primeira neste ano 2018. Así o goberno municipal instaura esta tradición de iniciar o ano cun Consello deportivo de cara á preparación da Gala do deporte. A xuntanza estivo centrada na organización da duodécima edición da Gala do Deporte, que se celebrará o vindeiro 16 de febreiro, e na que se darán a coñecer ás e aos mellores deportistas de Ames do ano 2017.

O Consello Municipal de Deportes elixiu que a nova edición da Gala se celebre nesta ocasión na Casa de cultura de Bertamiráns, despois de dous anos consecutivos realizándose no Milladoiro. Nesta reunión tamén se ofertou a posibilidade de que cada entidade ou club lle traslade ao Concello os posibles candidatos a cada galardón. Así mesmo, o Consello Municipal de Deportes tamén debateu, nesta xuntanza, sobre o premio de recoñecemento especial.

Por outra banda, aprobouse o novo regulamento da Gala de Deporte Municipal onde se establece que os galardóns que se outorgarán en dito evento son para premiar ao mellor deportista masculino e feminino de Ames (aínda que estea nun club de fóra do concello); ao deportista/equipo máis destacado/a dun club de Ames; ao mellor club do concello de Ames; e á promesa masculina e feminina máis destacada de Ames.

Asemade, farase un recoñecemento especial do Concello, outorgarase o premio especial colabor@mes (entidade que apoia ou difunde o deporte Amesán); e mailo premio especial do público, que será para o/a deportista con maior número de votos realizados a través da web municipal.

Modificación do regulamento
Ademais, en dita xuntanza aprobouse a modificación das bases da Gala do Deporte, para modificar o límite de anos nos que unha persoa premiada non se pode volver presentar como candidata. Deste xeito, estableceuse que as persoas premiadas non poderán volver ser candidatas ao mesmo premio no ano seguinte a recibir o galardón, en vez dos cinco anos que estaban estipulados anteriormente. Desde a Concellaría de Deportes tamén se aproveitou para anunciar a realización dun novo Consello unha vez pasada a celebración da Gala e no que se afondará nos asuntos tratados na asemblea do pasado mes de outubro: división de subvencións, nova liña de bolsas de deportivas e diferentes aspectos de investimentos e regulamentos.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou “o bo funcionamento que está tendo o Consello Municipal de Deportes, que lle permite aos clubs e entidades de Ames formar parte do día a día do concello no eido deportivo. Así, dende o goberno municipal temos un contacto continuo cos colectivos deportivos, algo básico de cara á programación de actividades e investimentos. Desde o Concello de Ames seguiremos apostando nesta vía de colaboración coas entidades deportivas”.