Pestanas principais

O Consello Municipal de Deportes aproba o cambio de ordenanza das escolas deportivas e as bases das subvencións de 2016

Mércores, 20 de xullo de 2016

[20-07-2016] O goberno municipal mantivo esta semana unha nova xuntanza cos axentes que forman o Consello Municipal de Deportes. Despois de manter nos últimos meses varias reunións cos clubs deportivos de Ames, esta semana o Consello consultivo de deportes aprobou as modificacións correspondentes que afectarán directamente ao curso que vén. Deste xeito deuse aprobación ás bases sobre o funcionamento das escolas deportivas municipais para o curso 2016-2017, á ordenanza de prezos das escolas deportivas e ás bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo en 2016 por clubs e asociacións deportivas.

Nesta nova xuntanza do Consello Municipal de Deportes tratouse o cambio de ordenanza das escolas deportivas, tal e como fora proposto en reunións anteriores. A nova proposta de ordenanza, que deberá ser aprobada en Pleno, recolle os novos prezos e prazos das escolas do vindeiro curso. Na proposta inicial fixábanse prazos trimestrais para o pagamento; 20 euros por trimestre para menores de 18 anos e 25 euros por trimestre para os maiores de 18 anos. Durante o debate desta ordenanza foron varios os asistentes que solicitaron facer prazos máis curtos ou mesmo a posibilidade de facer un único pago para evitar ter que estar pendente cada certo tempo da renovación das escolas.

Dende o goberno explicouse que a razón destes prazos obedecía por un lado a un maior fraccionamento do pago, facilitándolle así ás familias o abono, e tamén ao feito de ir reciclando trimestralmente a asistencia das escolas, xa que son varios os usuarios/as que causan baixa aos poucos meses de comezar, de xeito que así conseguiríase unha renovación de compromiso de asistencia ás escolas cada tres meses. Finalmente, houbo unha proposta para que se reducira a dous pagos, un de 30 euros para menores de 18 anos, e 37,5 euros para maiores de idade, ao inicio do curso coa inscrición, e outro polas mesmas contías no período do 1 ao 15 de febreiro para os últimos meses.

Con esta proposta conseguirase alcanzar ambos obxectivos e axilizar tamén o sistema de pago e cobro por parte do Concello. Por parte dos clubs que xestionen escolas deportivas, posibilitarase o pago único para aqueles usuarios/as que así o desexen. A proposta contou co apoio de todos os membros do Consello e levarase ao Pleno para a súa aprobación. O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, amosouse “satisfeito do grao de colaboración por parte dos integrantes dos clubs e asociacións, e espera que este cambio de sistema mellore a calidade do servizo das escolas deportivas municipais”.

Os clubs que xestionarán escolas deportivas serán nas disciplinas de patinaxe en Bertamiráns e no Milladoiro (Sarela e Omega), fútbol sala masculino (Bertamiráns CF e Milladoiro SD), fútbol sala feminino (FC Meigas), voleibol (CV Bruxas), baloncesto (Basket Ames) e xadrez (Millarengo). As escolas deportivas tanto de menores como de adultos ampliaranse para o curso 2016-17 un mes máis, chegando ata o mes de xuño, e os maiores de 16 anos serán incluídos na oferta de actividades de adultos, atendendo así a unha demanda das ANPAS, permitindo dar cobertura ás mozas e mozos destas idades.

Novas disciplinas deportivas para o próximo curso
Dende o Concello tamén se está traballando nunha programación acorde a estes grupos de idades engadindo novas disciplinas para o vindeiro curso como é o caso do aerozumba, jumpling, adestramento funcional ou mesmo o pádel (unha nova disciplina que se poderá desenvolver nas instalacións do club amesán Let Padel). Miñones destaca que “estamos actualizando a demanda de actividades existente e introducindo cambios moi importantes, sempre buscando que os mozos e mozas maiores de 16 se acheguen ao deporte ou á práctica deportiva”.

Na reunión do pasado luns, 18 de xullo, tamén se aprobaron as bases que deberán cumprir os clubs para levar estas escolas deportivas. Nestas bases recóllese os obxectivos, prazos, obrigas e dereitos da xestión das escolas por parte dos clubs. As inscricións serán realizadas directamente polo Concello, que seguirá coordinando as escolas. Os usuarios/as farán o pagamento do servizo directamente nos clubs que xestionan as escolas. Ditos clubs terán a obriga de realizar diferentes informes ao Concello para o seguimento da actividade.

Ademais, na reunión desta semana fixáronse os horarios de uso das diferentes instalacións deportivas. Deste xeito, para o curso 2016-17 utilizaranse as instalacións dos dous pavillóns municipais (Bertamiráns e O Milladoiro), a pista cuberta do IES de Milladoiro, así como o ximnasio deste instituto, o ximnasio do instituto de Bertamiráns, a pista cuberta do CEIP Agro do Muíño, o pavillón do CEIP de Barouta, e estase a mirar o uso dalgunha outra instalación dun centro educativo, co obxectivo de dar cabida ás máis de 150 horas de uso das escolas municipais de menores de 18 anos ou adestramento de clubs.

Subvencións
Outro dos asuntos que se trataron foron as bases das subvención deportivas de 2016. A proposta inicial que o goberno presentou no pasado mes de marzo foi modificada despois da proposta do Consello, de xeito que a valoración por cofinanciamento e orzamento foi eliminada nesta nova proposta. Así os clubs e entidades deportivas non deberán xustificar con facturas o total do orzamento co que conten, senón tan só a contía da subvención que sexa concedida, incrementada na cantidade legalmente establecida.

Así as bases das subvencións recollen que os criterios de valoración terán en conta o número de beneficiario/as (licencias federativas), a participación en competicións, o número de equipos/categorías que compoñen o proxecto, a solicitude de subvención a outros organismos públicos, a organización e colaboración en eventos deportivos organizados ou promovidos polo Concello de Ames, a promoción da lingua galega, e maila promoción do deporte feminino.

As novidades introducidas con respecto a anos anteriores serán a introdución da valoración da promoción do deporte feminino con ata 10 puntos de valoración co obxectivo de fomentar a actividade deportiva entre as rapazas e mulleres do noso concello. Tamén pasarase a valorar a solicitude de subvencións a outros organismos como a Xunta de Galicia ou a Deputación, tratando así de conseguir que os clubs de Ames busquen financiamento destes organismos públicos baixo o asesoramento do propio concello. Outro criterio de valoración novo será a participación en competicións de carácter local, provincial, autonómico ou nacional. Este punto xerou un amplo debate no seo do propio Consello, chegándose a unha proposta acordada para este criterio en función da porcentaxe de cada club ou entidade na participación de cada categoría.

As bases foron aprobadas e pasarán agora a súa revisión por parte do departamento económico do Concello coa previsión dunha aprobación antes do mes de setembro, de xeito que permita no mes de xaneiro ter a resolución das mesmas para que o seu pago se realice no primeiro trimestre do ano. "Damos cumprimento a compromisos como o do fomento do deporte feminino, e conseguimos o consenso da comunidade deportiva nos criterios a valorar de forma transparente e pública" sentenza o alcalde e concelleiro de Deportes.