- Tematica
O Consello de Administración de Augas de Ames EPEL aprobou o luns, 8 de xuño, na súa sesión ordinaria número 17 as contas anuais correspondentes ao exercicio 2025, que reflicten un resultado positivo de 590.091,84 euros, consolidando a estabilidade económica e financeira da entidade pública empresarial. Unha estabilidade xa demostrada no primeiro exercicio de 2024, ano no que comezou a funcionar a entidade Augas de Ames EPEL, que deixou un remanente de 822.000 euros para investimentos na rede.
As contas amosan unha evolución moi favorable da actividade durante o exercicio 2025. O importe neto da cifra de negocios acadou os 2.897.232,99 euros, fronte aos 1.488.063,79 euros rexistrados no exercicio anterior 2024. Cómpre lembrar que a entidade comezou a funcionar o 1 de abril de 2024, polo que no exercicio 2024 houbo 9 meses de actividade. Este ano 2025 supón un importante incremento dos ingresos derivados da prestación dos servizos pois corresponde a unha anualidade completa (12 meses).
O resultado de explotación situouse en 591.456,47 euros, mentres que o resultado antes de impostos alcanzou os 591.090,98 euros. Unha vez contabilizado o imposto sobre beneficios, o resultado final do exercicio ascende aos citados 590.091,84 euros.
No balance de situación, Augas de Ames pechou o exercicio cun activo total de 7.965.964,81 euros, fronte aos 7.427.557,01 euros do peche anterior. Destaca o mantemento dun elevado nivel de investimentos en infraestruturas e instalacións técnicas necesarias para a prestación dos servizos de abastecemento e saneamento.
Durante 2025 a entidade continuou realizando investimentos en instalacións técnicas, equipamentos e melloras operativas, reforzando a capacidade de xestión e a calidade dos servizos públicos da auga prestados á veciñanza do municipio.
O presidente de Augas de Ames, Blas García destacou que “os resultados obtidos poñen de manifesto a boa saúde económica da entidade e permiten afrontar con garantías os retos futuros, mantendo o compromiso coa eficiencia na xestión, a sustentabilidade e a mellora continua dos servizos públicos”.
As contas anuais aprobadas inclúen o Balance de situación, a Conta de perdas e ganancias, o Estado de cambios no patrimonio neto, o Estado de fluxos de efectivo, arqueo de caixa a 31/12/2025 e a Memoria abreviada do exercicio 2025, documentos que serán remitidos ao Concello de Ames para a súa posterior aprobación definitiva polo Pleno do Concello.
Principais magnitudes económicas de 2025:
-Resultado do exercicio: 590.091,84€
-Cifra de negocios: 2.897.232,99€
-Resultado de explotación: 591.456,47€
-Resultado antes de impostos: 591.090,98€
-Activo total: 7.965.964,81€
-Tesourería e equivalentes a 31/12/2025: 495.944,61€
-Existencias: 102.794,42€
Este resultado reforza a capacidade de Augas de Ames para continuar desenvolvendo investimentos e melloras na rede e nos servizos, garantindo unha xestión eficiente e sostible dun recurso esencial para a cidadanía.
A xerente de Augas de Ames, Genma Otero, sinalou que “o exercicio 2025 estivo marcado por un importante incremento da actividade da entidade, mantendo ao mesmo tempo un rigoroso control dos gastos e unha xestión eficiente dos recursos públicos. Estes resultados permítennos afrontar os próximos investimentos con garantías e continuar avanzando cara a un modelo de xestión cada vez máis sostible e innovador”.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos (concellería á que está adscrita Augas de Ames EPEL), Gustavo Nieto, valorou moi positivamente os resultados do exercicio 2025 e destacou que “o beneficio obtido permitirá seguir reforzando os investimentos na mellora das redes de abastecemento e saneamento, avanzar na modernización das instalacións e ofrecer un servizo cada vez máis eficiente e sostible á veciñanza de Ames”.
Ademais da aprobación das contas anuais de 2025, o Consello de Administración tomou coñecemento das resolucións ditadas pola presidencia e pola xerencia da entidade desde a última sesión ordinaria. En concreto, deuse conta das resolucións da presidencia comprendidas entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de maio de 2026, así como das resolucións emitidas pola xerencia durante o mesmo período, relativas á xestión ordinaria da entidade e ao desenvolvemento da súa actividade.
Así mesmo, a xerente de Augas de Ames informou aos membros do Consello sobre o estado de xestión dos servizos, da situación económica e das previsións da EPEL á data do 30/05/2026, detallando as actuacións desenvolvidas nos primeiros meses do ano, a evolución dos principais indicadores de actividade e as previsións de funcionamento da entidade para o conxunto do exercicio 2026.
Contas anuais de 2024
Ademais, cómpre lembrar que Augas de Ames EPEL celebrou o pasado 26 de maio unha sesión extraordinaria do Consello de Administración, no que se deu conta do informe final da auditoría das contas da EPEL 2024, realizada pola Intervención do Concello de Ames, en colaboración coa empresa auditora BMAuditores. No informe final conclúe que as contas anuais 2024 presentadas por Augas de Ames EPEL expresan, en todos os aspectos significativos, a imaxe fiel do patrimonio e da situación financeira da entidade a data 31 de decembro de 2024, indicando as oportunas observacións e recomendacións.
A auditoría recolle unha serie de observacións relativas a erros contables de devengo, amortizacións e dotación de provisións, que afectan ao resultado inicialmente presentado do exercicio 2024, cifrado en 43.172,65 euros. Unha vez corrixidos e regularizados estes axustes contables, o resultado final real do primeiro exercicio de actividade da entidade (2024) elévase ata os 822.000 euros (resultado positivo), importe que nas contas do exercicio 2025 pasou a reservas voluntarias como resultado de exercicios anteriores, quedando ese remanente para actuacións en investimentos e melloras na rede.
Orzamento 2026 da EPEL Augas de Ames
Por outra banda, o orzamento da EPEL Augas de Ames aprobado para o exercicio 2026 ascende a 4.580.651,83 euros. Dito orzamento recolle dous importantes investimentos: a obra de abastecemento de auga potable desde Castiñeiro do Lobo ata o depósito de Aldea Nova; e mailo reforzo da rede de abastecemento na avenida da Maía, dende a rúa Alcalde Lorenzo ata o límite co concello de Brión, e unha extensión de rede desde o campo de fútbol de Bertamiráns ata a zona do Pedregal.





