Pestanas principais

O Consello da Xunta dá luz verde á licitación das vivendas de promoción pública en Ames e a financiar o Mercado Municipal

Luns, 03 de agosto de 2026

O Consello da Xunta deu hoxe un importante impulso a dous proxectos estratéxicos para o futuro de Ames ao aprobar, por unha banda, a sinatura do convenio de colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Ames para a construción do futuro Mercado Municipal de Bertamiráns e, por outra, a licitación das primeiras vivendas de promoción pública previstas no municipio, que se levantarán na rúa Agriños.

O alcalde de Ames, Blas García, valorou moi positivamente ambos os acordos e destacou que "hoxe é un día importante para Ames porque dous proxectos nos que levamos traballando durante moito tempo dan un paso decisivo. Son froito do diálogo institucional, da perseveranza e da capacidade de chegar a acordos en beneficio da veciñanza".
García subliñou que "o goberno de Ames é un socio fiable e leal, capaz de chegar a acordos con todas as administracións cando o obxectivo é mellorar a calidade de vida da cidadanía. Estes dous proxectos demostran que, cando hai vontade de colaboración, os resultados acaban chegando".

Primeiro Mercado Municipal de Ames
O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio entre a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Ames para facer realidade a primeira praza de abastos do municipio. O futuro Mercado Municipal situarase na avenida da Peregrina, en Bertamiráns, e contará cun investimento total de 3,3 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achegará unha terceira parte, un millón de euros.
O obxectivo desta actuación é dotar a Ames dunha praza de abastos moderna, adaptada ás necesidades da contorna e orientada á obtención do selo Mercado Excelente, poñendo en valor os produtos frescos e de proximidade e reforzando o comercio tradicional como elemento dinamizador da vila.
O proxecto inclúe os traballos de acondicionamento do terreo, a execución da estrutura e da cuberta, así como as instalacións de saneamento, fontanaría, electricidade e ventilación, entre outras actuacións. O investimento financiarase de forma tripartita: a Xunta achegará un millón de euros; o Concello de Ames destinará preto de 1,3 millóns de euros, no marco do proxecto Conecta Ames e con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; e a Deputación da Coruña contribuirá cun millón de euros.
O alcalde agradeceu "o compromiso das administracións que participan neste proxecto, que permitirá dotar Ames dunha infraestrutura moderna, pensada para dinamizar o comercio local e ofrecer un novo espazo de encontro para a veciñanza".

Luz verde ás primeiras vivendas de promoción pública
O Consello da Xunta tamén aprobou a licitación, por un importe de 14.756.088,53 euros, das primeiras vivendas de promoción pública de Ames, que se construirán na rúa Agriños. Esta actuación desenvolve o protocolo de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ames para impulsar vivenda protexida no municipio.
A construción realizarase nunha parcela cedida polo Concello de Ames, a parcela 1 do sector S-15, cunha superficie aproximada de 1.725 metros cadrados. O edificio contará con dúas plantas de soto destinadas a garaxes, rochos e instalacións; planta baixa con soportais de uso público, accesos e espazos de servizo; e cinco plantas máis un ático destinados ás vivendas.
Blas García sinalou que "a vivenda é un dos principais retos aos que nos enfrontamos como concello e esta licitación supón un avance moi importante para ampliar a oferta de vivenda pública en Ames. Levamos tempo traballando para facer posible este proxecto e hoxe dase un paso decisivo".

O CEIP do Milladoiro levará o nome de Gerardo Fernández Albor
Por último, o Consello da Xunta aprobou que o novo colexio do Milladoiro leve o nome de Gerardo Fernández Albor, primeiro presidente electo da Xunta de Galicia, nun recoñecemento á súa contribución á consolidación da autonomía galega. Durante o seu mandato puxéronse en marcha as primeiras políticas públicas propias da comunidade, entre elas a organización inicial do sistema educativo autonómico. Fernández Albor tivo, ademais, unha casa no Milladoiro, preto de onde se sitúa o novo centro educativo.
A previsión é que o colexio, actualmente en obras, abra as súas portas no curso 2027-2028.
O alcalde concluíu destacando que "os acordos aprobados hoxe son unha excelente noticia para Ames e para a súa veciñanza. Son o resultado do traballo constante e da colaboración entre administracións, e permitirán seguir avanzando en proxectos estratéxicos para o desenvolvemento do noso concello".

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Así serán las nuevas viviendas públicas de la rúa Agriños en O Milladoiro"

La Voz de Galicia: "Visto bueno al convenio de la Xunta y Ames para la futura plaza de abastos de Bertamiráns"

VPP O Milladoiro

Multimedia

  • VPP O Milladoiro