Pestanas principais

O concurso “Imaxes con Fondo” do Fondo Galego de Cooperación amplía o prazo de envío de propostas até o 15 de novembro

Xoves, 13 de outubro de 2016

[13-10-2016] O certame “Imaxes con Fondo”, convocado polo Fondo Galego de Cooperación Solidariedade, amplía o prazo de recepción de traballos até o 15 de novembro. As persoas interesadas en participar en calquera das seccións, de fotografía ou vídeo, nas categorías xuvenil ou adulta aínda están a tempo de facelo. A interculturalidade é a temática escollida para a terceira edición deste concurso. Pódese consultar información máis detallada das bases na páxina de Facebook do Fondo, na súa web ou descargando o documento “Bases” no apartado de descargas.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de ampliar o prazo para a entrega de traballos do seu concurso “Imaxes con Fondo”. As persoas interesadas teñen até o día 15 de novembro para enviar as súas propostas. Cunha temática xeral en cada edición a escollida para a presente é a interculturalidade. Ademais incluíuse a sección de audiovisual, a maiores da de fotografía.

Poden participar neste concurso persoas de 14 a 17 anos, na categoría xuvenil, e de 18 ou maiores de 18 anos, na categoría adulta. Deberán ser naturais ou residentes en Galicia; no caso das persoas menores de idade axuntar no seu envío o permiso do seu pai, nai ou representante legal para participar.

As pezas presentadas deberán ser orixinais, podéndose enviar un máximo de tres traballos por participante. A temática da interculturalidade ten que estar presente en todas as propostas “entendida nun sentido amplo”. As obras poderán falar, por exemplo, da convivencia entre culturas, do intercambio cultural u de accións solidarias, tratar de desmontar certos estereotipos ou denunciar a discriminación dunhas culturas cara outras. Enviaranse ao enderezo electrónico imaxesconfondo@gmail.com xunto co resto dos documentos requiridos nas bases.

Os traballos enviados publicaranse na páxina de Facebook do propio Fondo. A cidadanía terá uns días para votar aqueles que lle parezan mellores, en canto a orixinalidade da proposta e a súa capacidade para revelar a temática do concurso empregando o ollo da cámara. As 15 propostas máis votadas de cada sección e categoría poranse a disposición dun xurado profesional, que determinará os premios finais.

O primeiro premio da categoría adulta consiste nunha viaxe a Mozambique para desenvolver un proxecto”nunha das entidades parceiras do país” no ano 2017. O da categoría xuvenil é unha cámara de fotografía ou vídeo. O segundo e terceiro premios de ambas categorías inclúen, respectivamente, unha cesta de produtos de comercio xusto e un lote de películas de temática social. Ademais aqueles centros escolares que animen ao seu alumnado a participar poderán recibir libros do concurso fotográfico Revela, cedidos polo Concello de Oleiros.

As fotografías e vídeos gañadores pasarán a disposición e uso do Fondo Galego de Cooperación. Estas poderanse empregar, por exemplo, en exposicións como a que visitou o pasado mes a Casa da Cultura do Milladoiro. “Galicia-Cabo Verde: unha irmandade” achegou ao público as fotografías do ferrolán Roberto Amado, gañador deste certame no ano 2013.