[27-01-2016] Coa primeira semana de febreiro chega o Entroido a Ames. O venres, 5 de febreiro, a Escola de Música Municipal abrirá a programación festiva cun concerto na Casa da Cultura do Milladoiro ás 19:30 horas. O sábado 6 rapazas e rapaces poderán participar na Festa Infantil de Entroido que se celebrará na Praza da Maía. O concurso de disfraces terá lugar o luns 8, a partir das 17:00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto do Milladoiro. O sábado 13 de febreiro os veciños e veciñas de Ortoño celebrarán a primeira edición da festa da filloa. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do concurso de disfraces e os impresos de inscrición.
Obradoiros de cociña de Entroido e I Festa da Filloa en Ortoño
Ao longo das dúas semanas de celebracións a Asociación de Mulleres de Ortoño, xunto coa a Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada, organizarán dous obradoiros interxeneracionais de cociña de Entroido. Neles aprenderanlle a pequenos e maiores como preparar orellas e filloas. O primeiro terá lugar o venres 5 de febreiro ás 19:00 horas no Local Social de Augapesada. O segundo obradoiro organízase o venres 12 de febreiro, a partir das 18:00 horas, no Local Social de Bugallido. Cada obradoiro dispón dun máximo de 15 prazas, que os interesados e interesadas poderán reservar chamando ao número de teléfono 981 535 840. O sábado 6 de febreiro, durante a Festa Infantil do Entroido, tamén terá lugar un pequeno obradoiro de cociña.
Por último, o sábado 13 os veciños e veciñas de Ortoño celebrarán a primeira edición da festa da filloa. Ademais, durante a segunda semana de febreiro porase en marcha o programa de conciliación Entroido Lúdico os días 8, 9 e 10.
Inscricións no concurso de disfraces
As inscricións para participar no concurso de disfraces realizaranse de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.gal.
A data límite das inscricións é o propio luns 8 de febreiro, día do concurso, ás 11:00 horas. Os datos que hai que achegar son o título do disfrace, o nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, o DNI, un teléfono de contacto, a categoría na que se participa e o número de participantes. Os menores de idade deberán ser inscritos polo seu responsable legal. No caso dos grupos, a inscrición deberá ser asinada por dúas persoas maiores de idade; catro no caso das comparsas, sempre que non pertenzan a asociacións legalmente constituídas. Os representantes deberán estar respaldados polos demais membros concursantes e autorizados para recoller o premio.
O concurso de disfraces comezará ás 18:00 horas e os concursantes desfilarán acompañados da música dunha charanga. Ademais dos premios das categorías infantil, adultos, grupos e comparsas haberá un premio especial ao mellor disfrace creado con materiais de reciclaxe. Este ano como novidade creouse un novo premio. Os grupos e charangas poderán optar a un segundo premio especial, que xulgará á mellor copla de composición propia cantada en galego.
Os grupos ou comparsas terán, como máximo, cinco minutos para cantar a súa copla subidos ao escenario. As actuacións e os disfraces serán avaliados por tres persoas designadas polo departamento de Cultura e Educación cuxa decisión, inapelable, será dada a coñecer o mesmo día do concurso. Repartiranse máis de 4.000 euros entre as categorías infantil, adulta, de grupos e de charangas, que se suman a outros 100 euros destinados ao mellor disfrace reciclado e 150 euros á mellor copla.
Este ano como novidade a programación de Entroido inclúe unha festa para os máis pequenos e pequenas do concello. A Festa infantil de Entroido terá lugar o sábado 6 de febreiro, ás 17:30 horas, na praza da Maía. A Escola de Música de Ames e Uxía Lambona e a Banda Molona porán a música a unha tarde de obradoiros e xogos circenses. Aqueles nenos e nenas que acudan disfrazados serán agasallados con orellas. O obradoiro de cociña de entroido comezará ás 17:30 e o de maquillaxe ás 18:00 horas. Esta iniciativa rematará arredor das 20:30 horas.
No certame de disfraces do luns, día 8 de febreiro, pódese participar nas seguintes categorías: infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Nas dúas primeiras poderase participar de forma individual ou en parellas. Os participantes deberán ter 12 anos ou menos na categoría infantil e máis de 12 anos na de adultos. Os grupos deberán estar formados por entre 3 e 9 persoas e as comparsas por 10 ou máis persoas, de calquera idade en ambos casos. O concurso desenvolverase no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, enfronte á Escola Infantil desta localidade. Ao longo da tarde estará prohibido o aparcamento de vehículos tanto na propia Travesía como nas rúas contiguas.






