[20-06-2016] Esta semana terán lugar na aula 6 do centro multiusos de Aldea Nova dúas audicións. A primeira, de saxofón, frauta e guitarra, será o luns 20 de xuño; mentres que a segunda, de piano e violín, realizarase o martes 21. Ambas comezarán ás 18:30 horas. O mércores, 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, o alumnado da EMMA ofrecerá un concerto para clausurar o curso 2015/16. Ademais a pasada semana un grupo da escola de música fixo unha visita ao centro residencial “O Castro”, de Teo, onde ofreceu un concerto.
O grupo das crianzas abrirá o concerto de fin de curso da EMMA. O alumnado de música e movemento sairá ao escenario coa actuación “Heiche de contar un Conto”. O alumnos/as de coro e linguaxe musical serán os seguintes. Interpretarán a canción xaponesa “Watashi”, o canon con percusión corporal “Tomba,Tomba”, unha letra composta por eles e elas para a peza “Aos meus avós” e o arranxo do tempa de Álvaro Soler, “Bajo el mismo sol”. Tras eles e elas o xilófono de Nicolás Pato e a batería de David Amoza farán soar, respectivamente, os temas “Yesterday”, dos Beatles, e “Beat it”, de Michael Jackson.
A agrupación de violíns “Jóvenes Águilas” tocará, trala actuación dos alumnos de percusión, a canción tradicional “Arándanos”. A orquestra de guitarras fará o propio co tema “Blackbird”, un arranxo baseado no tema composto por John Lennon e Paul McCartney. O alumnado de canto moderno tomará o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro cun repertorio ben coñecido polo público. Paula e Clara Barral comezarán co tema “Burning House”, de Cam; Candela Pardo, Helena González e Sara Rey porán voz ao tema “Llora”, de María Parrado. Ademais, o famoso “Lazy Song” de Bruno Mars, será interpretado por Mario Uzquiaga, Manuel Rodríguez, Lucía González e Xoana Quintela.
Outra canción de Bruno Mars que soará no festival de fin de curso é “When I was your man”, que cantarán Maite Pellegrino e Rebeca Soliño. Finalizarán as actuacións do alumnado de canto moderno a interpretación do “Uncoves”, de Zara Larson, a cargo de Celia Propín e María Iglesias. Sara Millane e Carlota Curra farán unha versión do tema “Can't blame a girl for trying”, de Sabrina Carpenter; e Aída Raíndo, á voz, e Antía Fernández, ao piano, interpretarán o tema “Comiéndote a besos”, de Rozalén.
A velada de fin de curso continuará coa saída a escena da agrupación de canto, formada por Sara Millán, Aída Raíndo, Maite Pellegrino, Celia Proupín, María Iglesias, Rebeca Soliño e Paula Barral. Todas elas cantarán “Quen puidera namorala”. A agrupación de violíns Pesadillas de Aga interpretará o tema “California dreaming”, dos Beach Boys. Tras ela a orquestra de frautas, saxos e percusións tocará a mellor das composicións que John Williams creou para a saga “Star Wars”.
Os combos xuvenil e de adultos serán os grupos encargados de pechar esta tarde de música. Comezará o combo xuvenil cos temas “No importa que llueva”, dos españois Efecto Pasillo, “Eres mi verdad”, de Maná, e “Ain't nothing but you”, de Brooks&Dunn. O combo de adultos despedirá este ano con dous clásicos: “Carolina”, de M-Clan e “Ritmo de garaje”, de Loquillo. Ademais cantarán o tamén ben coñecido “Nada fue un error”, de Coti.
Concerto no centro residencial “O Castro” de Teo
Este pasado venres, 17 de xuño, arredor de 50 rapazas e rapaces da Escola Municipal de Ames realizaron unha saída ao complexo xerontolóxico “O Castro”, de Teo. Alí ofreceron un concerto para as persoas residentes, unha actividade que levan facendo xa varios anos.
Neste concerto participaron os alumnos e alumnas do coro da EMMA, de violín, e de frauta, que interpretaron durante media hora varias pezas para amenizar a tarde. Dende a escola destácase o bo recibimento aos rapaces e rapazas cada vez que se desprazaron ata a residencia “O Castro”, en Teo, para ofrecer un concerto, así como o enriquecedor da experiencia tanto para o alumnado como para o público.
As nenas e nenos do coro cantaron “Watashi”, unha canción xaponesa, “Tomba, tomba”, un canon acompañado por percusión corporal, “Aos meus avós”, tema no que tamén participou a profesora Eva Millares ao piano, e “Bajo el mismo sol”, un arranxo musical do tema de Álvaro Soler realizado coa colaboración do alumnado de 6º curso de linguaxe musical. O grupo de violíns interpretou a canción tradicional “Arándanos”, e a orquestra de saxos e frautas achegou ao público a outras galaxias con cancións da banda sonora de Star Wars.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"O alumnado da escola municipal de música despediu cun concerto o curso"