Pestanas principais

O Concello visita máis de 1.000 empresas para elaborar unha Guía empresarial actualizada

Luns, 28 de marzo de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, realizou dende o pasado 17 de xaneiro unha recollida de datos polas empresas amesás co obxectivo de elaborar unha Guía de Empresas. Unha persoa acreditada polo Concello de Ames visitou máis de 1.000 empresas, profesionais e negocios do municipio co obxectivo de dispor de información actualizada de cada un deles. O 23 de marzo remataron as visitas ás empresas. Agora abre un prazo ata o 4 de abril, para que todas aquelas empresas que non entregaron cuberta a documentación que se lles entregou, a poidan enviar a través do correo electrónico amesnarua@concellodeames.gal.

A Concellaría de Promoción Económica está traballando para elaborar unha Guía de Empresas na que, na medida do posible, se recolla a información máis fidedigna e actualizada das entidades comerciais / empresariais que existen no municipio. Esta listaxe de empresas servirá tanto para que poida ser empregada pola veciñanza de Ames, para buscar posibles empresas que lles poidan interesar para que lles presten un servizo, así como para que a propia Administración local coñeza empresas que poidan participar en procesos de licitación de servizos municipais.

Unha persoa acreditada polo Concello de Ames visitou ao longo de dous meses máis de 1.000 empresas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro (incluído o parque empresarial Novo Milladoiro), así como da zona rural do municipio. Esta persoa, pertencente a unha empresa contratada polo Concello de Ames, encargouse de visitar as empresas, profesionais e negocios do concello co obxectivo de recompilar toda a información necesaria de cada establecemento comercial e entidade empresarial.

Durante o proceso de visitas ao sectores comercial e empresarial recolléronse datos sobre as empresas / comercios e tamén realizouse unha enquisa anónima e voluntaria, para coñecer posibles actuacións de apoio ao desenvolvemento empresarial, comercial e económico do tecido empresarial amesán, que se poderían desenvolver no futuro. Trátase dunha iniciativa municipal coa que se pretende dispor de datos actualizados sobre o sector empresarial e comercial para realizar futuros proxectos de colaboración. Será unha Guía de Empresas dixital, que estará incluída nunha app do comercio amesá.

Envío de datos ata o 4 de abril

Agora abre un prazo ata o 4 de abril, para que todas aquelas empresas que non entregaron cuberta a documentación que se lles entregou, a poidan enviar a través do correo electrónico amesnarua@concellodeames.gal. Para iso teñen que cubrir o impreso de toma de datos e maila enquisa.

A concelleira de Promoción Económica e Comercio, Ana Belén Paz, anima a todas as empresas que aínda non presentaron a documentación a facelo antes do 4 de abril. “Necesitamos dispor dunha listaxe actualizada dos comercios e empresas que temos en Ames. No noso concello dispoñemos de múltiples empresas de sectores moi diversos, que poden ser descoñecidas para parte da veciñanza. Por iso cremos que é necesario dispor desta Guía de Empresas, para dar a coñecer entre a cidadanía o tecido empresarial amesán. Isto redundará en beneficio da cidadanía e das propias empresas”.

Guía para o apoio do tecido empresarial amesán

Os datos aportados na enquisa servirán de base para a realización dunha Guía de empresas, comercios e profesionais existentes no concello, co obxectivo de dar a coñecer a consumidores e usuarios a múltiple e variada oferta de establecementos radicados en Ames, e proporcionar indicadores para a configuración dun inventario dos recursos socioeconómicos e do seu estado e evolución tendencial. Así mesmo, a recollida de información da enquisa valerá para detectar as necesidades de formación, actualización ou aplicación das novas tecnoloxías na comercialización, loxística e difusión do tecido empresarial.

Os datos de carácter persoal que se proporcionen, serán totalmente confidenciais, e estarán amparados na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, que compromete a non utilizar estes datos para fins que non sexan os estritamente necesarios para a realización do seu cometido.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames supera las mil empresas, que estarán registradas en una guía para divulgar su actividad"

El Correo Gallego: "Prazo para sumar mil establecementos locais á ‘Guía de empresas’ ata abril"

Enfoques: "El Concello de Ames visita más de mil empresas para elaborar una Guía empresarial actualizada"

AMSGO!: "O Concello de Ames elabora unha Guía con máis de 1.000 empresas da localidade"

O Concello visita máis de 1.000 empresas para elaborar unha Guía empresarial actualizada