Pestanas principais

O Concello solícita unha axuda para impulsar o desenvolvemento económico e o fomento do emprego en Ames

Xoves, 03 de febreiro de 2011

[03-02-2011] O Concello de Ames, no marco das políticas activas de emprego e de promoción económica, participa concertadamente dende hai anos, con proxectos propios e con diferentes programas que se complementan dende outras administracións, na tarefa de promover o desenvolvemento económico e social do termo municipal amiense. Seguindo esta liña de traballo o goberno municipal vén de solicitarlle unha axuda á Deputación da Coruña para realizar dous proxectos que contribuirán á promoción económica de Ames. Deste xeito, presentouse un proxecto para dinamizar o sector da hostalaría e empresarial de Ames que ten un custo de 17.900 euros, así como un proxecto para mellorar a infraestrutura e o equipamento do centro de formación e emprego do concello de Ames, que dispón dun orzamento de 85.800 euros. A contía total destes dous proxectos é de 103.700 euros.

A Concellería de Promoción Económica e Emprego desenvolve ao longo do ano numerosas iniciativas en materia de dinamización do emprego e de promoción económica. Seguindo esta liña de traballo o Concello de Ames decidiu acollerse á convocatoria de axudas que convocou a Deputación Provincial da Coruña para promover programas de Investimentos de Promoción Económica.

O proxecto de mellora da infraestrutura e do equipamento do centro de formación e emprego de Ames, ten por obxecto impulsar o desenvolvemento económico local, mediante a adaptación e a dotación dos equipamentos necesarios para a súa posta en funcionamento. Ata o de agora todas as accións formativas e cursos para o fomento do emprego estanse desenvolvendo no Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello, situado na urbanización de Aldea Nova.

Consciente da necesidade de contar con equipamentos propios nos que desenvolver e concentrar as distintas accións de formación e emprego, o Concello comezou a finais do ano 2010 a adecuación dun espazo na rúa Costaneira en Aldea Nova como centro municipal de formación e emprego, co obxectivo central de mellorar a capacidade de empregabilidade da poboación desempregada.

O Concello de Ames disporá en breve dun centro de formación ocupacional e usos múltiple que levaba sen rematar dende os anos noventa no lugar de Os Batáns. Despois duns quince anos aproximadamente retomáronse os traballos deste proxecto que son sufragados a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade.

A edificación aséntase nunha finca situada nun solar de propiedade municipal, clasificado polo Plan Xeral de Ordenación Municipal como solo urbano. Esta parcela está situada ao noroeste da estrada autonómica C- 543, no lugar de Os Batáns, próxima á urbanización Aldea Nova. O solar ten unha superficie de 973 metros cadrados e linda ao norte e oeste coa rúa Costaneira e ao sur e este co Polígono S-06 Os Batáns. A devandita parcela xa dispón de varios servizos como son o de acceso rodado, subministro de enerxía eléctrica, abastecemento de auga potable e rede pública de saneamento.

A actuación concreta que se recolle neste proxecto para o que se solicita a devandita subvención completa e mellora o equipamento de iluminación específica e adaptada, a rede de voz e datos, os sistemas de protección, o sistema de calefacción a través e enerxías renovables e parte do mobiliario.

Co obxectivo de fomentar a sostibilidade e o capital ambiental das instalacións municipais, os equipamentos que se recollen nesta solicitude, a dotación da calefacción ou a iluminación está determinada por criterios de aforro enerxético e de utilización de enerxías alternativas, en congruencia, con unha parte significativa das accións formativas que se pretenden impartir e que axuden a adquisición de competencias no sector das enerxías renovables, para favorecer e potenciar o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica aplicada á formación profesional para persoas traballadoras desempregadas e ocupadas. O centro de formación e emprego do Concello de Ames, pretende catalizar e ser o referente da promoción económica e do emprego do territorio.

Dinamización da hostalaría

Ames dispón cun importante sector de hostalaría que conta con preto de 200 establecementos repartidos entre as 11 parroquias e o dous núcleos urbanos (Bertamiráns e O Milladoiro). Para dar a coñecer e dinamizar este sector o Concello de Ames pretende desenvolver un programa para crear unha imaxe global do sector da hostalaría do Concello de Ames ligada á modernidade, e que os clientes potencias podan descubrir o sector empresarial amiense en toda a súa dimensión.

Para levar a cabo este programa vaise elaborar un traballo de campo sobre a hostalaría de Ames e desenvolverase unha campaña de promoción e dinamización deste sector. Os destinatarios desta campaña son todos os establecementos de hostalaría do concello de Ames, e con repercusión indirecta en todo o sector empresarial.

Para iso vanse establecer redes de comunicación co sector hostaleiro que permitan un maior coñecemento do mesmo e programar accións específicas ligadas ó sector. Ademais vaise mellorar a imaxe da hostalaría e dotala de elementos de atracción para os clientes e promocionar os establecementos do concello como alternativa de ocio cultural na comarca de Santiago. Por último, empregarase un lema da campaña como unha marca de calidade que agrupe a todos os establecementos adheridos.

A través do traballo de campo situaranse xeográficamente todos aqueles establecementos de hostalaría existentes no Concello de Ames co obxectivo de obter un coñecemento amplo acerca da súa configuración e características. Estes datos permitirán a elaboración e edición de ferramentas que contribúan a ampliar e mellorar o seu coñecemento entre a poboación local, así como entre os nos nosos visitantes.

Este traballo é fundamental á hora de elaborar a campaña de dinamización e promoción. Esta consistiría no desenvolvemento de actividades de carácter cultural nos locais establecidos nos dous núcleos urbanos do concello, co fin de atraer á clientela amiense e fidelizar o seu consumo de ocio en Ames. Esta campaña terá dous obxectivos claramente definidos, por unha banda ofertar unha alternativa de ocio no municipio de residencia que fidelice á posible clientela e aporte alternativas culturais.

Do mesmo xeito pretende que a cidadanía amiense coñeza o seu tecido empresarial e todos aqueles establecementos dos que pode facer uso, unificando a oferta que se distribúe entre Bertamiráns e O Milladoiro e creando unha imaxe global do sector da hostalaría en Ames.

Logo da elaboración do traballo de campo ofreceráselle a todos os establecementos a posibilidade de participar nesta campaña, na que tamén se repartirá material divulgativo co distintivo e o logo da campaña.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames invertirá 85.000 € en el centro de formación"