[13-01-2016] O Concello de Ames vén de solicitar ao Servizo de Infraestruturas da Xunta de Galicia a colocación de sinais provisionais para informar aos condutores do corte do carril de acceso á Autovía de Brión (AG-56) que parte da rotonda de Bertamiráns Norte. A causa é o desprendemento que tivo lugar recentemente na citada autovía por mor do mal tempo dos últimos días.
O Concello solicita así ao Servizo de Infraestruturas da Xunta a colocación de sinais que reorienten e desvíen o tráfico por outras vías. Esta petición ven motivada polo caos circulatorio que se está a formar no núcleo urbano de Bertamiráns, zona onde conflúe o tráfico provinte da estrada de Negreira e se une ao tráfico que accede a Bertamiráns dende Santiago de Compostela. O volume de desprazamentos é especialmente intenso pola mañá, cando coincide co horario de entrada do alumnado do CEIP A Maía e do IES de Ames, e pola tarde-noite.
O Departamento Municipal de Tráfico e o responsable da Policía Local presentaron unha proposta conxunta, na que se incide na necesidade de desviar o tráfico que accede dende a estrada de Negreira á autovía en dirección Brión e pola saída dos Ánxeles, pola que se accede a unha rotonda que conecta directamente coa autovía dirección a Santiago de Compostela, evitando aos condutores o paso polo centro de Bertamiráns. Proponse tamén o desvío dirección Padrón, que pasa por Bastavales, ademais da colocación de sinais advertindo do alto volume de circulación e a atoamentos que ten lugar no núcleo de Bertamiráns.
Os técnicos da Consellería de Infraestruturas non precisaron até momento o prazo fixo no que se abrirá o carril de acceso que parte da rotonda de Bertamiráns Norte cara a Autovía de Brión, polo que dende o Concello ínstase á Consellería a proceder á colocación dos sinais tan pronto como sexa posible.
Contido relacionado

La Voz de Galicia:"El corte de la AG-56 en el acceso a Ames durará varios meses"




