Pestanas principais

O Concello solicita a mellora da atención sanitaria urxente no transporte sanitario cunha ambulancia con base en Ames

Martes, 30 de abril de 2019

A Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario deste mes de abril unha proposta na que se solicita unha mellora da atención sanitaria urxente no transporte sanitario no concello de Ames. Deste xeito, reclámaselle á Consellería de Sanidade a reorganización dos recursos RTSU do 061 de Galicia e que o concello de Ames poida contar cunha ambulancia (Unidade Soporte Vital Básico) con sede no termo municipal. Ademais, solicitase realizar un estudo serio e rigoroso sobre a atención urxente, contrastando o número de urxencias atendidas, urxencias trasladadas ao CHUS, tempos de resposta, tempos de asistencia, tempos de traslado ao CHUS, etc.

As urxencias sanitarias en Galicia están xestionadas pola Fundación pública 061 Urxencias Sanitarias de Galicia, integrada na rede asistencias do SERGAS e dependente da Consellería de Sanidade. O 061 de Galicia, servizo con pouco máis de 20 anos de existencia, é un elemento fundamental da asistencia sanitaria en Galicia. Trátase dun dos servizo máis valorados pola cidadanía e converteuse no principal actor sanitario na coordinación da atención sanitaria urxente. A estrutura da asistencia sanitaria urxente polo 061 basease, se xeito simplificado, en dous elementos fundamentais.

O primeiro é a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia (CCUS), onde se reciben unhas 3.200 chamadas ao día de demanda urxente que son filtradas, analizadas e reciben unha resposta por parte dun equipo multidisciplinar composto por persoal sanitario, técnicos e operadores. Outra das súas funcións fundamentais é a de coordinar todos os recursos de asistencia sanitaria urxente de Galicia, tanto na asistencia sanitaria urxente primaria, como especializada.

O segundo elemento fundamental son os recursos móbiles, compostos por dúas redes diferenciadas, complementarias e coordinadas pola CCUS. Por unha banda, a Rede de recursos medicalizados, Unidades de Soporte Vital Avanzado (USVA) aéreas e terrestres con persoal sanitario e técnico e a Rede de Transporte Sanitario Urxente (RTSU) con Unidades de Soporte Vital Básico (USVB) con persoal técnico.

A Área de Transporte Sanitario Urxente (ATSU) na que se atopa o concello de Ames conta cunha Unidade de Soporte Vital Básico (USVA) e ten a súa base no concello de Negreira, dando cobertura sanitaria aos concellos de Ames, A Baña, Brión e Negreira. Estas ambulancias contan con/cunha condutor/a técnico/a en emerxencias sanitarias e unha axudante/a técnico/a en emerxencias sanitarias. Ademais, hai que destacar que non todo o concello de Ames está atendido pola ambulancia con base en Negreira, xa que tanto O Milladoiro como parte de Biduído están incluídos na área de Santiago de Compostela, que conta con dúas unidade de SVB, pero que atende a Santiago de Compostela, Teo, Boqueixón, Vedra e unha parte do municipio de Trazo.

Servizo insuficiente para Ames
Debido a iso, dende o Concello de Ames consideran que a ambulancia que dá cobertura á maioría do municipio amesán é insuficiente para poder cubrir as urxencias existentes e que por esa razón hai incidencias nas que o tempo de resposta é superior aos 10/15 minutos, sempre e cando a ambulancia con base en Negreira non se atope ocupada nunha emerxencia, polo que nestes casos é necesario derivar outra unidade dunha área distinta. É importante ter en conta, ademais, que o concello de Ames é o máis poboado da zona con moita diferencia sobre o resto e polo tanto con máis urxencias sanitarias e situacións de emerxencia.

Por outra banda, cómpre lembrar que as patoloxías máis emerxentes como as paradas cardiorespiratorias se non son atendidas nun tempo de entre 15 e 20 minutos teñen case nulas opcións de recuperación, que a mortalidade dos infartos agudos de miocardio prodúcense principalmente na primeira hora, que os pacientes politraumatizados reducen drasticamente a súa supervivencia tras 20 minutos sen asistencia e que o tratamento do ictus reduce a súa eficacia cada hora que pasa. Así, conclúese que os casos con patoloxías máis emerxentes con tempos de resposta existentes están correndo serios riscos de quedar desatendidos.

Por todo iso, a Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario deste mes de abril unha proposta na que se solicita unha mellora da atención sanitaria urxente no transporte sanitario no Concello de Ames. Deste xeito, reclámaselle á Consellería de Sanidade a reorganización dos recursos RTSU do 061 de Galicia e que o Concello de Ames poida contar cunha Unidade Soporte Vital Básico (USVA). Ademais, solicitáselle á Consellería de Sanidade realizar un estudo serio e rigoroso sobre a atención urxente, contrastando o número de urxencias atendidas, urxencias trasladadas ao CHUS, tempos de resposta, tempos de asistencia, tempos de traslado ao CHUS, etc. para que se analice a conveniencia de dispoñer dunha Unidade de Soporte Vital Básico (USVA) no concello de Ames.

Ligazóns

O Concello solicita a mellora da atención sanitaria urxente no transporte sanitario cunha ambulancia con base en Ames