Pestanas principais

O Concello repuxo parte do colector de augas residuais na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns por razóns de salubridade e seguridade

Xoves, 19 de xaneiro de 2012

[19-01-2012] O Concello de Ames ven de realizar unha obra con carácter de urxencia na rúa Alcalde Lorenzo en Bertamiráns. A obra durou case unha semana e consistiu na reposición de 30 metros do colector que leva as augas residuais á EDAR de Sisalde. A reposición de arredor duns 400 metros de colector estaba previsto realizala co presuposto do POS 2011 pero foi preciso actuar antes nun tramo da rúa Alcalde Lorenzo por razóns de seguridade e salubridade.

O colector xeral estaba en mal estado e ao non ser capaz de recoller toda a auga, producíronse filtracións que deixaron ocos baixo a beirarrúa provocando perigo de derrubamento. O colector ten que ser reposto en 400 metros que comprenden as rúas Acalde Lorenzo, Avenida da Maía e o enlace das mesmas. Trátase dunha actuación que urxe pois o mal estado do colector está a causar problemas de salubridade e mesmo seguridade. O presuposto total para completar esta obra de saneamento é de 156.444,95 euros.

O alcalde, Santiago Amor, explicou que "a desidia do anterior goberno co colector obrigou a esta actuación de urxencia". Amor declara que a obra xa tería que ser feita hai anos, pois o colector está nun estado lamentable podendo incluso chegar a producir problemas de seguridade á cidadanía.