Pestanas principais

O Concello repartirá 20.000 quilos de comida entre 313 familias amienses sen recursos

Mércores, 14 de marzo de 2012

[14-03-2012] O Concello de Ames, a través do departamento de Educación Familiar, repartirá 19.927 quilos de alimentos entre 313 familias amienses sen recursos. O reparto dos alimentos realizarase durante a segunda semana de abril nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Os alimentos, procedentes de excedentes da Unión Europea, foron achegados pola Cruz Vermella. Nos próximos días enviaráselles unha carta a todos os posibles beneficiarios desta campaña para informalos do día e lugar onde teñen que recoller os alimentos. Ademais, actualmente dende a Oficina de Voluntariado están repartindo diferentes alimentos recollidos nun concerto organizado pola Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro.


A semana pasada o Concello de Ames recibiu un total de 19.927 quilos de alimentos procedentes de excedentes da Unión Europea. A Cruz Vermella achegou arroz, bebidas pasteurizadas, cereais para nenos/as, caldo de carne, crema de verdura, pasta (fideo, espaguetes e macarróns), galletas, fariña, leite de continuación para os nenos/as, leite, cremas, queixo fundido e tomate frito. Estes alimentos repartíranse durante a segunda semana de abril nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste servizo beneficiáranse un total de 313 familias amienses que dispoñen de poucos recursos.

Durante os vindeiros días enviaráselle unha carta a cada beneficiario deste programa para informalo de que proximamente se vai facer a entrega de alimentos e para indicarlle o día e o lugar onde teñen que recoller os devanditos alimentos. Ademais, indicaráselles que existe un servizo municipal de roupeiro por se precisan roupa. Nesta carta tamén se lle explica que teñen que facer para poder ser beneficiarios do roupeiro municipal.

Nos últimos anos este servizo rexistrou un incremento nas familias solicitantes, debido en boa medida á crise. Para solicitar esta axuda cómpre acudir aos servizos sociais do Concello de Ames e, a través dunha traballadora social, realizarase un informe e adxudicarase ou non a axuda. Esta concédea o Concello, pero os víveres proceden da Cruz Vermella. Unha vez que estes alimentos chegan ao almacén do Concello, planifícase o reparto equitativo entre as familias, deixando sempre uns excedentes para casos de urxencia.

Este programa leva en funcionamento máis de 10 anos e reparte comida unhas tres veces ao ano. A última entrega de alimentos realizouse durante o mes de decembro de 2011. Aínda que se reparten a maioría dos alimentos, o departamento de Servizos Sociais, sempre deixa varios lotes de alimentos por se é preciso atender algún caso de emerxencia social e para aquelas familias que chegan ao Concello e non dispoñen de recursos.

Concerto solidario

A Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro organizou o pasado sábado de Entroido un concerto rock solidario co obxectivo de recadar alimentos para as familias amienses máis necesitadas. Todas aquelas persoas que desexaban ir ao concerto podían adquirir unha entrada achegando unha bolsa de alimentos. Tras o concerto esta asociación púxose en contacto co Concello de Ames por se podía xestionar o reparto dos alimentos. Neste momentos os alimentos están sendo repartidos a través da Oficina de Voluntariado de Ames.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Concello de Ames repartirá 20.000 quilos de comida entre os veciños máis necesitados"