Pestanas principais

O Concello remitiu á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o documento inicial para a obtención da parcela do Milladoiro destinada ó novo CEIP

Venres, 04 de novembro de 2011

[04-11-2011] O Concello de Ames remitiu á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o documento urbanístico inicial para a obtención da parcela do Milladoiro destinada ó novo colexio de infantil e primaria. A tramitación farase mediante un plan especial de dotacións que implica a modificación do PXOM e consiste no cambio de clasificación dun solo urbanístico apto para urbanizar de 20.682 metros cadrados. Este cambio na clasificación do solo é o primeiro paso a seguir para a obtención do solo destinado á implantación do equipamento docente a través dun plan especial de dotacións.

A posta en marcha deste novo centro de ensinanza permitirá distribuir os ciclos de ensino e desconxestionar o centro de Ventín. O Concello con esta actuación pretende encaixar na estrutura urbanística existente no Plan Xeral que está moi preto do sector de solo urbanizable S-16 Galdrachán polo que se dará continuidade ao viario previsto neste plan parcial completando así a accesibilidade á nova parcela dotacional.

A parcela está a escasos 120 metros do núcleo urbano, conta con accesos en distintas direccións, abastecemento de auga, saneamento, enerxía eléctrica e liña de telecomunicacións. Na parcela destinaranse 17.632 metros cadrados para uso dotacional e 3.050 metros cadrados de superficie de ampliación do viario existente para novos accesos e aparcamentos.

O Concello xestiona con previsión de futuro

O 19 de febreiro de 2010 a Consellería de Educación solicitou un emprazamento para o novo centro escolar cunha superficie de cando menos 12.150 metros cadrados. Con esta decisión o novo goberno de Ames porá por fin a disposición da Xunta 8.000 metros cadrados máis para que ante a necesidade de ampliación nun futuro o solo non sexa un problema como aconteceu ata o de agora.

A parcela deberá pasar por cinco fases antes do comezo da construcción

Unha vez que a Consellería de o visto e prace o seguinte paso será a aprobación inicial en Xunta de goberno local. A continuación, pasados os prazos reglamentarios pasará a aprobación provisional e rematará coa aprobación definitiva en pleno. Antes da disposición da parcela para a construción do colexio de infantil e primaria deberanse cumprir cinco condicións, a primeira delas é a da elaboración dun documento de inicio, a segunda é a redacción do documento para a súa aprobación inicial, a terceira é un informe ás alegacións e informes sectoriais emitidos no período de consulta, a cuarta condición é elaborar un documento provisional e a quinta é un documento refundido.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames adaptará el urbanismo al futuro colegio de Milladoiro"