Pestanas principais

O concello recolleu o lixo apañado na andaina-limpeza do río do Pego

Luns, 03 de agosto de 2020

Preto de 30 persoas participaron o pasado sábado na andaina-limpeza que a Asociación “O Cantiño” de Quistiláns e maila “Plataforma pola recuperación do río Sar” promoveron para reivindicar o coidado da paraxe do río Roxos que discorre á altura da antiga fábrica de papel e chega até o pé do cemiterio dos Batáns, coñecida pola veciñanza de Quistiláns como río do Pego. Os participantes dividíronse en dous grupos e atoparon tanto refugallos que levaban moito tempo nas augas, como desperdicios recentemente guindados ao río. O Concello de Ames, que apoiou a acción a través da concellaría de Transición Ecolóxica, enviou unha brigada para recoller as bolsas de lixo que os organizadores deixaron amoreadas nun punto identificable e de fácil referencia.

Os organizadores fixeron o día antes da andaina-limpeza unha prospección do lugar. O obxectivo era marcar as zonas de evacuación e saída e delimitar dúas rutas. A primeira discorrería entre as pedras, pola subida do leito do río, desde as pozas do Pego até a zona de captación de augas e faríana as persoas mellor preparadas fisicamente A segunda situaríase na zona de debaixo do cemiterio dos Batáns e sería a idónea para que traballasen a rapazada, as persoas máis maiores e todas aquelas con algún problema de mobilidade.   

Lixo “arqueolóxico” e lixo actual
Latas e plásticos descompostos con logotipos de produtos que xa non están en uso desde hai moitos anos e que, segundo os organizadores, probablemente baixaran coas enchentes, e envases novos coas súas marcas aínda impecables, poñen de manifesto que o río ven sendo usado de vertedoiro desde hai moito tempo e que ese incívico costume de botar ás augas desperdicios segue a ser tónica habitual entre algunhas das persoas que visitan esta paraxe. “E verdade que atopamos envases con etiquetas que a moitos dos que estabamos alí nos fixeron lembrar a nosa infancia, pero ademais dese “lixo arqueolóxico” tamén atopamos latas de produtos que ben se vía que non levaban alí nin quince días”, declara o veciño de Quistiláns Rubén  Melide, membro de “O Cantiño”, quen engade “Unha das cuestións que queríamos reivindicar era precisamente esa: que moita da xente que na actualidade visita esta paraxe non ten coidado ningún e segue a botar lixo ao río”.

O concello, a través da concellaría de Transición Ecolóxica, encargouse de recoller o lixo. “Non podemos por máis que estar satisfeitos desta acción; oxalá que a imaxe de todas esas persoas traballando no leito do río e de todo ese lixo extraído, serva de concienciación para que deixemos de facer dos nosos ríos uns vertedoiros”, manifesta o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens.

Novas relacionadas:

El Correo Galleo: "Despejan de desperdicios el río Pego"

Revista AmsGO: "Limpeza a fondo do río do Pego a cargo de voluntarios"

Atopouse todo tipo de lixo

Multimedia

  • Andaina limpeza
  • Traballouse en distints zonas
  • Participaron preto de 30 persoas
  • Atopouse lixo arqueolóxico e lixo recente
  • Fixeronse dúas rutas diferentes