[17-03-2011] Desde o xoves 10 o noso concello acolle un grupo de quince estudantes de secundaria de Nova Orleáns, que visitan Ames para coñecer a nosa cultura e practicar castelán. As rapazas permanecerán en Galicia ata o domingo 20. Tras coñecer a Casa do Concello o pasado venres e divertirse nunha festa organizada polos mozos e mozas amienses, en colaboración co Concello, o pasado sábado. Esta semana coñecerán Santiago de Compostela e A Coruña.
Un grupo de quince alumnas do centro Isidore Newman School de Nova Orleáns atópanse de visita no noso concello grazas a un programa de intercambio co IES de Ames. Despois da visita que rapaces e rapazas do instituto municipal fixeron por terras americanas en setembro e outubro de 2010, é a quenda das estudantes estadounidenses para coñecer outra cultura e practicar idiomas. Así, o grupo chegou a Galicia o pasado xoves día 10 de marzo tras coñecer cidades españolas como Madrid, Toledo e Salamanca. As rapazas permanecerán en Ames ata o vindeiro domingo 20.
O goberno municipal vén de facerlles a recepción oficial o pasado venres na Casa do Concello. As alumnas e as dúas profesoras que as acompañan visitaron diferentes departamentos da casa consistorial. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, recibiunas e falou con elas sobre a experiencia que están a vivir pola nosa terra e apoiou firmemente iniciativas coma esta que leva a cabo o IES de Ames.
O alcalde estivo acompañado polos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. As rapazas e profesoras americanas estiveron acompañados por diferentes profesores do IES de Ames, por tres alumnos/as que cursan os seus estudo neste centro de ensino e que exerceron de anfitrións, e pola directora do centro educativo, Marisol Louro. Ao final do acto as alumnas recibiron de mans do alcalde un pequeno detalle para que lembren a súa visita ao Concello de Ames.
Concerto musical xuvenil
Ademais da recepción oficial os mozos e mozas de Ames déronlle un recibimento máis informal o pasado sábado, organizando en colaboración co Concello, un concerto musical no que os mozos e mozas amienses mostraron os seus coñecementos musicais.
A festa tivo lugar no Pazo da Peregrina onde tocaron un grupo de rapaces do IES, que alternaron cancións de grupos como Metallica ou Red Hot Chili Peppers. Despois foi a quenda do grupo Biribirloque, que tocaron temas de Los Suaves, Platero y tu, Ska-P ou Siniestro Total, ademais de cancións propias. Este grupo actuará novamente na Festa de San Isidro de Bugallido. As alumnas de Nova Orleáns pasárono moi ben nesta festa e mesmo algunha se animou a saír a cantar ao escenario. Na festa, ademais das rapazas, participaron alumnos e alumnas do IES de Ames, en total arredor de 70 persoas.
Ao longo desta semana, as alumnas estadounidenses terán a oportunidade de coñecer outros puntos de Galicia. Así, está programada unha visita a Santiago de Compostela e outra á Coruña. Con estas excursión as rapazas complementarán uns días de enriquecemento cultural e práctica de idiomas. O día 20 porán fin a esta aventura por terras de Ames da que seguro que levarán unha boa lembranza a Nova Orleáns.




