[20-03-2011] A Administración local aprobou e puxo en marcha a comezos de 2009 un plan de inspección dos tributos municipais. Deste proceso encárgase o departamento de Tesourería municipal, que está traballando de xeito conxunto coa empresa adxudicataria do servizo de recadación, Gestión Tributaria Territorial. A labor de inspección realízase sobre varios impostos municipais, entre os que destacan o imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) e o imposto de actividades económicas (IAE). Despois de que a xustiza lle dera a razón ao Concello en cinco recursos presentados pola promotora inmobiliaria Mahía, que deberá pagar 31.002,24 euros por cinco actas de desconformidade, agora a promotora inmobiliaria Santiago Sur Galicia deberá aboar uns 300.380 euros, por catro expedientes de inspección sobre o imposto de construcións, instalacións e obras.
O Concello de Ames está levando a cabo unha forte inspección de todos os impostos que se recadan ao longo do ano. Nese senso, está realizando un traballo especial cada ano co imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) e co imposto de actividades económicas (IAE), entre outros. Neste traballo tamén colabora a empresa adxudicataria do servizo de recadación, Gestión Tributaria Territorial. Para iso, a comezos de 2009 aprobouse e púxose en marcha un primeiro plan de inspección, así como un segundo plan de inspección para o ano 2010, que redunda especialmente no control das liquidacións do ICIO e de todas as liquidacións provisionais deste imposto con efecto retroactivo.
O goberno municipal decidiu inspeccionar as empresas promotoras que deixaban de tributar por parte das obras que facían, danando ao erario público e o interese cidadán. O plan de inspección consiste en comprobar que o custo de execución material da obra é o que figuraba no presuposto inicial emitido pola empresa adxudicataria no momento de solicitar a licenza de obra. A contía do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, o custo de execución material dos traballos realizados. Este custo soamente se coñece ao finalizar a obra.
Despois de rematar o proceso de inspección sobre o ICIO correspondente ao exercicio 2009, aprobouse a liquidación definitiva destas contías correspondentes ao ICIO e procedeuse a notificarlle este acordo ás empresas co fin de que fixeran o aboamento deste tributo no prazo estipulado. Algunhas das empresas que tiñan que efectuar este pagamento mostraron o seu desacordo e presentaron alegacións. Por esta vía optou a promotora Santiago Sur Galicia SL que presentou catro recursos de reposición fronte aos acordos de liquidación derivados das actas de desconformidade emitidas o pasado 19 de maio de 2010.
Despois de que dende os servizos técnicos municipais revisasen toda a documentación presentada pola devandita promotora, a Xunta de Goberno Local, acordou anular a liquidación derivada destas actas de desconformidade e aprobar a liquidación de catro expedientes de inspección por valor de 300.380 euros. Esta contía é resultado da diferencia de custos que mantiña a empresa que lle ocasionara a execución de catro proxectos e o que defendía o Concello de Ames.
Catro expedientes de inspección
Os expedientes de inspección iniciáronse polas diverxencias que existían entre a devandita empresa e o Concello arredor do custo de execución material das catro obras e o que figuraba no presuposto inicial de cada un dos catro proxectos, que foron emitidos pola empresa adxudicataria no momento de solicitar as licenzas de obra.
En moitos casos as empresas adxudicatarias de licenzas de construcións elaboran un proxecto técnico que é unha primeira previsión dos gastos que carrexará a execución da devandita obra seguindo o proxecto elaborado. Pero posteriormente realízanse diversas modificacións ou melloras que levan consigo un aumento do presuposto. Debido a iso faise preciso facer un seguimento dos traballos executados para realizar a obra e comprobar que o orzamento inicial coincida co custo final das obras. De non ser o caso a compañía deberá aboar a parte proporcional desa diferenza que existe no presuposto en forma de imposto ao Concello.
Os proxectos motivos de discrepancia foron os que realizou esta empresa para construír un edificio de 144 vivendas na parcela V Polígono S.U PM2-0 de Milladoiro; o proxecto de construción dun edificio de 180 vivendas no polígono APE M2-01; as obras de construción dun edificio no sector APE M2-01 Parcela III, Travesía do Porto-E, Milladoiro; e o proxecto de construción dun edificio no sector APE M2-01 Parcela III, Travesía do Porto-E, no Milladoiro.
Deste xeito, o Concello de Ames continua realizando un plan de inspección sobre os principais tributos municipais para evitar que as empresas promotoras traten de enganar á Administración local no valor que declaran nas súas obras co obxectivo e conseguir librarse de pagar o imposto de construcións, instalacións e obras que debe recadar o erario público para beneficio colectivo e para garantirlle ao Concello os ingresos que lle corresponden por tal concepto.
Por conseguinte, no ICIO, a remuneración tería que situarse ao finalizar os traballos, cando estea rematada a obra en cuestión e cando se poida coñecer o custo real e efectivo deses traballos. É por iso que este imposto hai que pagalo en dous momentos, unha remuneración adiantada ou liquidación provisional, e unha final que vai unida á realización de melloras ou outro tipo de arranxos na obra que se levou a cabo anteriormente, que dá lugar á liquidación definitiva do imposto.




