[30-01-2011] Ante as reiteradas queixas achegadas ao Concello por parte dos veciños/as, o goberno municipal decidiu poñer en marcha unha campaña de vixilancia sobre a posesión e custodia dos animais, especialmente nos espazos públicos. Dende a Administración local queren concienciar a cidadanía amiense de que cando saquen a pasear ao seu can débeno levar amarrado con unha cadea ou correa pola seguridade de todos os veciños/as. Ademais, con esta medida, preténdese manter limpas as rúas de Ames xa que é obrigación dos donos dos cans recoller os seus excrementos. Para iso douse traslado á Policía local de que se intensifique, na medida do posible, a vixilancia do cumprimento destas medidas, tendo ademais especial coidado coa tenza e custodia de animais potencialmente perigosos.
O Concello de Ames decidiu poñer en marcha unha campaña de vixilancia sobre a posesión e custodia dos cans, especialmente nos espazos públicos, para que os propietarios destes animais cumpran coa normativa que recolle a ordenanza municipal de posesión e custodia de animais potencialmente perigosos. Esta campaña realizouse ante as reiteradas queixas achegadas ao Concello por parte dos veciños/as, para que os donos dos cans nos os deixarán soltos polos parques infantís mentres pasean ou para que recollan os excrementos dos seus animais co obxectivo de manter limpas as rúas.
Para dar cumprimento a normativa vixente douse traslado aos membros da Policía local a instrución de que se intensifique, na medida do posible, a vixilancia do cumprimento desta ordenanza, tendo ademais especial coidado coa tenza e custodia de animais potencialmente perigosos (licenza municipal e demais documentos necesarios, en regra e correctamente formalizados).
Deste xeito todos os propietarios de cans deberán levar suxeitos aos seus animais con cadea ou correa cando anden pola vías públicas e nos espazos protexidos. Ademais queda prohibida a entrada de animais en recintos de prácticas de deporte e de xogos infantís ou naquelas zonas que o concello determine atendendo ás súas dimensións ou réxime de usos, así como está expresamente prohibido que os cans accedan ás zonas de xogo infantil das prazas e parques do municipio co fin de manter a seguridade dos nenos e adultos que estean nestes lugares.
Por último, segundo se recolle na normativa municipal prohíbese lavar aos animais na vía pública e fontes, así como darlles de beber auga afociñado ás billas das fontes públicas. Durante a época de verán prohíbese a circulación e permanencia de cans e outros animais nas piscinas públicas durante toda a campaña de baño.
Ademais de ter en conta esas restricións as persoas que dispoñan de animais de compañía nos domicilios particulares deberán cumprir cunhas condicións hixiénicas mínimas. Ademais non deberán supoñer ningún tipo de perigo ou molestia para os veciños ou para outras persoas. Con tal finalidade, dende as 22:00 h. ás 8:00 horas, prohíbese deixar nos patios, terrazas, galerías ou balcóns, aves e animais en xeral, que cos seus sons, ouveos ou cantos perturben o descanso ou tranquilidade dos veciños. No resto do día, os propietarios tamén tomarán as medidas precisas para que non se produzan molestias á veciñanza.
Con esta campaña vaise intensificar a vixilancia sobre aquelas persoas que incumpran a normativa vixente na ordenanza de posesión e custodia de animais. Así, preténdese concienciar á cidadanía amiense de que é necesario cumprir con este tipo de indicacións para unha correcta convivencia en sociedade.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames vigilará las mascotas sueltas en las vías públicas"
La Voz de Galicia: "La Policía Local amiense vigilará que se cumpla la norma sobre animales"