[08-04-2017] Os servizos técnicos municipais de urbanismo do Concello de Ames acaban de emitir un informe favorable sobre a recepción das obras de urbanización do sector de solo urbanizable S-09 situado en Raíces. O proceso de urbanización deste sector comezou en novembro de 2004, momento no que o pleno do Concello de Ames aprobou definitivamente o Plan Parcial do S-09 Raíces. Despois dun longo proceso, resolvéronse as deficiencias que presentaba dita urbanización. Esta mesma semana o goberno municipal mantivo unha xuntanza para solicitarlle aos afectados/as a documentación necesaria para comezar cos trámites necesarios para poder conceder as licenzas de primeira ocupación das vivendas desta urbanización.
O sector S-09, Raíces, emprázase ao sur do concello no límite do termo municipal que linda co municipio de Teo, na parroquia de Biduído. En novembro de 2004 o pleno do concello de Ames aprobou definitivamente o Plan Parcial do S-09 Raíces, establecendo un prazo de dous anos, dende o remate da tramitación do sector para a execución das obras. A entidade titular dos terreos contidos no ámbito de actuación promoveu o seu desenvolvemento. O Plan de etapas do Plan Parcial fixa un prazo de dous anos, dende a súa aprobación, para a finalización da urbanización, o cal rematou no ano 2006 sen que se fixera efectivo na súa totalidade.
En xaneiro de 2010 solicitáronse licenzas de primeira ocupación para sete vivendas desta urbanización, achegando os correspondentes certificados finais de obra. Naquel momento dende o departamento de Urbanismo xa se informou que non era posible a concesión das licenzas de primeira ocupación en tanto as obras de urbanización non fosen recibidas por parte do Concello.
No ano 2015 a comunidade de veciños e veciñas da urbanización de Raíces puxéronse en contacto co goberno municipal para informase dos trámites necesarios para obter a licenza de primeira ocupación das vivendas de dita urbanización. Deste xeito, o goberno municipal, pouco despois de chegar ao Concello, mantivo unha xuntanza con estes veciños/as para informalos de como estaba a situación e explicarlles porque dito sector urbanístico estaba sen recepcionar. Iso ocasionáballes graves prexuízos xa que carecían de servizo de limpeza viaria e do servizo de recolleita de lixo. Ademais dispoñían dun servizo de abastecemento de auga potable que presentaba series deficiencias.
O actual goberno comprometeuse con estes veciños/as a solucionar as deficiencias detectadas para poder realizar a recepción de dita urbanización e poder ofrecer correctamente os servizos reclamados. Para elo falouse cos técnicos municipais do departamento de urbanismo co obxectivo de avanzar na solución das deficiencias detectadas. Os técnicos municipais informaron que existían deficiencias na liña das rede de saneamento e abastecemento que estaban mal executadas, así como que a caseta de telecomunicacións non estaba recepcionada por parte do enxeñeiro que elaborara previamente o proxecto.
Incautación de avais para a realización das obras
En 2011 a Xunta de Goberno Local xa acordara a incautación parcial dos avais presentados pola empresa promotora para responder da execución das obras de urbanización do devandito sector. Esta decisión estivo baseada nos informes técnicos que detectaron que dita urbanización atopábase sen rematar. Visto o aval outorgado pola empresa promotora en outubro de 2004, por importe de 186.668,35 euros, para responder das obrigas derivadas da implantación dos servizos e da execución das obras de urbanización no sector S-09-Raíces, o Concello de Ames adoptou o acordo de incautar de xeito parcial o devandito aval, por valor de 160.000 euros, para rematar as obras de urbanización que quedaban por executar.
En 2015, incautouse a diferenza dos 186.668,35 euros euros (aval depositado en 2004), que ascendía a contía de 26.668,35 euros máis outros 37.360,51 euros, que sumaban 64.028,86 euros para poder arranxar as deficiencias que quedaban por executar. Unha vez feito este trámite, o goberno municipal sacou a licitación un contrato, primando o orzamento menor presentado, que foi adxudicado á empresa Construcións Iglesias Mera, SL, que foi a encargada de realizar os devanditos traballos por un importe de 43.525,36 euros.
Finalmente, o importe total incautado foi de 224.028,86 euros, mentres que a liquidación final de custos ascendeu a contía de 213.575,70 euros. A diferencia existente de 10.453,16 euros será devolta a entidade promotora.
Tramitación das licenzas de primeira ocupación
Unha vez finalizado o proceso de regularización deste sector urbanizable, este xoves, 6 de abril, o goberno municipal reuniuse cun representante da comunidade de veciños/as de dita urbanización para solicitarlle que os afectados/as presenten a documentación necesaria para comezar cos trámites necesarios para poder conceder as licenzas de primeira ocupación das vivendas desta urbanización.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La urbanización de Raíces, cuyas obras comenzaron en el 2004, están regularizadas"
El Correo Gallego: "Primera ocupación tras 7 años de espera en Raíces"




