Pestanas principais

O Concello realiza este mércores un sorteo para elixir aos admitidos nas materias de guitarra e percusión da EMMA

Martes, 15 de febreiro de 2011

[15-02-2011] Entre os días 7 e o 11 de febreiro, a Escola Municipal de Música de Ames abriu un novo prazo de matrícula para cubrir novas prazas durante este curso. O número de inscritos superou as prazas ofertadas nas materias de guitarra e percusión, polo que o Concello de Ames vai realizar un sorteo público que terá lugar este mércores, 16 de febreiro, ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. É preciso acudir ao sorteo ou mandar algunha persoa en representación. No resto das materias non é preciso realizar o sorteo porque a demanda non superou o número de prazas ofertadas. As clases comezarán o día 1 de marzo.

O día 11 de febreiro rematou o prazo para inscribirse nas clases que oferta a Escola Municipal de Música de Ames para comezar ou ampliar os estudos na arte musical. As clases da EMMA xa comezaron no mes de outubro pero sempre se abre unha segunda quenda de matrícula para cubrir as prazas que quedaron libres. O Concello de Ames, a través deste servizo, oferta leccións de música e movemento que están dirixidas aos cativos de catro a sete anos, de linguaxe musical ou práctica instrumental, e de combo ou conxunto instrumental de música moderna para rapaces e rapazas maiores de sete anos. Nesta segunda quenda de matrícula ofrecéronse 29 prazas para asistir a clases de música e movemento, combo, guitarra, canto, percusión e batería.

Este novo prazo de matrícula amplía a oferta da Escola Municipal de Música que o pasado xuño brindou a posibilidade de optar a preto de oitenta prazas coa finalidade de que os rapaces e rapazas amienses teñan a oportunidade de adquirir coñecementos teóricos e prácticos na música e axudar desta forma na súa formación artística. Os rapaces e rapazas que se matriculen este mes na EMMA comezarán as clases o vindeiro día 1 de marzo.

Debido a que nas materias de guitarra e percusión houbo máis solicitudes de matrícula que prazas, o Concello de Ames convoca un sorteo público que se celebrará este mércores, 16 de febreiro, ás 20:30 na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, no sorteo xerarase unha lista de agarda para as posibles baixas que se poidan dar. Para poder optar a unha destas prazas é preciso acudir ao sorteo ou mandar algunha persoa en representación.

Para responder a calquera tipo de dúbida ou pregunta sobre os cursos da EMMA, os interesados teñen á súa disposición o número de teléfono 981 535 940 en horario de 9:30 h. a 13:00 horas de luns a venres. Así mesmo, os que o prefiran poden tamén enviar un correo electrónico á responsable da Escola de Música.