Pestanas principais

O Concello publica o informe do mapa de necesidades educativas que se enmarca dento do Observatorio de Educación de Ames

Xoves, 28 de xullo de 2016

[28-07-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación, vén de publicar na web municipal (sección de Avisos) o informe do mapa de necesidades educativas, que foi elaborado polo Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Esta é a primeira actuación que se contempla dentro do Observatorio de Educación que creou o goberno municipal para dispor do devandito mapa e dunha ferramenta de participación da comunidade educativa. Este Observatorio é un proxecto pioneiro, o primeiro en Galicia, de información e participación veciñal no ámbito educativo.

O informe recentemente publicado combina a información de datos do censo municipal e de escolarización coa obtida a través de enquisas realizadas a centros escolares ou a familias. Este completo estudo está dispoñible na sección de Avisos da páxina web municipal. Deste xeito, pódense consultar ou descargar o informe final, a táboa de datos e o estudo relativo ao diagnóstico integral demográfico e de distribución territorial do Concello de Ames. Ademais, pódense descargar as imaxes dos mapas das área de influencia, os mapas de distribución da poboación e mailo mapas de transporte.

Os mapas mostran unha distribución da poboación de maior idade nas áreas rurais amesáns e unha concentración da poboación nova nas áreas urbanas. Tres cuartas partes das nenas e dos nenos en idade escolar (os tramos de idade nos que se centra a investigación) residen en núcleos urbanos e o 42,9% vive no Milladoiro.

Nos mapas tamén se pode observar como os centros educativos reciben a alumnos e alumnas que se atopan fóra da súa área de influencia, o que fai que os traxectos dos autobuses escolares sexan bastante longos. Outro dato destacable é a comparación entre a poboación en idade escolar, que habita na área de influencia dun centro educativo, e o número de alumnas e alumnos matriculados, que en ocasións é bastante baixa. Isto é un claro indicador de que a Xunta debe realizar unha nova zonificación dos centros escolares.

Por outra banda, o informe detecta algunhas das contradicións da organización dos centros educativos amesáns con centros como o IES Plurilingüe de Ames, cuxo alumnado supera a súa capacidade orixinal, mentres que outros, como o IES do Milladoiro, teñen prazas vacantes. Ademais dos problemas de falta de capacidade nos centros educativos as enquisas realizadas reflectiron outras inquedanzas. As familias e mailos profesionais educativos coinciden na falta de espazo, pero tamén solicitan o aumento de persoal de apoio a nenas e nenos con necesidades especiais, a construción de máis patios cubertos e a dotación de máis espazos multiusos para os centros.

Observatorio de Educación de Ames
O Observatorio de Educación de Ames pretende ser un instrumento que reúna a información necesaria para crear unha xestión máis eficiente e efectiva do sistema educativo do concello de Ames. Trátase dunha base de datos dixital, formada por indicadores importantes para a análise dos recursos existentes de apoio á educación, e que permitirá a identificación das necesidades tanto da poboación coma dos centros.

A través deste traballo preténdese reflectir a realidade educativa do concello de Ames, utilizando ferramentas académicas. O obxectivo deste observatorio é achegarse polo miúdo á realidade educativa do concello de Ames, ver cales son os problemas que se lle presentan en canto á capacidade educativa e situación académica da poboación, así como avaliar os servizos prestados.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Más del 40 % de los amienses en edad escolar estudian fuera del municipio"
El Correo Gallego: "Evidencian el mal reparto de plazas escolares en Ames"