[26-07-2011] O Concello de Ames buscou unha nova localización para a que será a segunda gardaría pública en Bertamiráns. Será na contorna do paseo fluvial do Sar, nunha parcela afectada pola modificación urbanística do plan parcial Rego dos Pasos Sur .O Pleno deberá ratificar esta decisión na sesión do xoves.
O anterior goberno socialista quería situar este servizo xunto á Casa da Cultura, pero os dous grupos políticos da oposición rexeitaron esta opción. O actual goberno popular considera que a localización elixida é a máis adecuada, xa que a superficie reservada é superior á do anterior proxecto, e, ademais, é unha zona moi céntrica. A proposta aínda non é definitiva dado que a Xunta, que xa tiña elaborado un anteproxecto da futura escola infantil xunto á Casa da Cultura, deberá revisar a proposta. Con todo, o goberno local confía na súa viabilidade.




