Pestanas principais

O Concello presenta Galeg@ para sempre, campaña de fomento do galego no ámbito funerario

Martes, 21 de novembro de 2017

[21-11-2017] O local Sociocultural de Agrón acollerá o vindeiro 29 de novembro a presentación de “Galeg@s para sempre”, unha campaña dirixida a fomentar a utilización do galego no ámbito funerario. A proposta busca tamén a implicación das empresas e os profesionais relacionados co sector para que garantan que quen queira dispor de servizos fúnebres en galego poida acceder a eles con normalidade. Co este obxectivo, a concellaría de Normalización Lingüística está elaborando un manual de recursos que incluirá modelos de necrolóxicas, lemas e frases para poñer nas sepulturas, e poemas para as cerimonias civís. Coincidindo coa presentación da campaña, desenvolverase un acto público de sinatura de declaracións de vontades. As veciñas e veciños que desexen ser despedidos e lembrados en galego e dar conta delo neste acto, poden enviar os seus datos -nome completo, D.N.I e teléfono- ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. No acto de presentación, que comezará ás 19:00 horas, actuarán o pianista Xabier Constenla e a cantante Pilar Martínez.

“É curioso porque nun territorio galego falante coma o noso, as persoas que na súa vida falaron o noso idioma, non son lembradas en galego”. Deste xeito se manifesta Rosa Moreiras, normalizadora lingüística do Concello de Ames, que nos conta que nos sete ou oito cemiterios das parroquias amesás visitados polo departamento até o momento, non atoparon máis de dez lápidas en galego, entre elas as de Maximino Castiñeiras, poeta da Maía, que aparecerá nos folletos cos que se anuncie a campaña. “Probablemente neses momentos difíciles non se pensa en moito máis que en que estamos despedindo a un ser querido, por iso é importante a implicación das empresas e de todas as persoas que teñen que ver cos trámites do pasamento”, salienta Moreiras. 

Manual de recursos funerarios en galego
As técnicas da concellaría de Normalización Lingüística, responsable da campaña, mantiveron contactos con empresas do sector que se manifestaron dispostas a colaborar coa iniciativa e aplaudiron a iniciativa de elaborar un manual de recursos que axude aos
profesionais funerarios e ás familias a facer as despedidas dos seus seres queridos en galego. Este manual, que tamén será presentado o 29 de novembro en Agrón, incluirá suxestións de lemas, frases para lápidas, ramos e coroas, e mesmo unha escolma de poesías para as cerimonias laicas. O manual estará tamén dispoñible na web para quen desexe descargalo.

Sinatura de declaracións de vontades
Está confirmada a asistencia de varios persoeiros de que, no transcurso do acto de presentación da campaña, firmarán a declaración de vontades na que se manifesta a intención de que todas as cuestións relacionadas co pasamento se realicen en galego. Ademais, calquera veciño ou veciña que desexe ese día facer públicas estas intencións e apoiar coa súa sinatura a campaña poderá facelo enviando previamente, até o 27 de novembro, os seus datos -nome completo, documento de identidade e teléfono- ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal



Contido relacionado


Galicia Confidencial: "O galego, un idioma dos vivos e dos mortos"