Pestanas principais

O Concello pon en marcha a terceira edición do proxecto Ames Integra

Martes, 18 de agosto de 2015

[18-08-2015] O Concello de Ames, a través das concellarías de Servizos Sociais e de Promoción Económica, puxo en marcha o proxecto Ames Integra III. Trátase dun programa de formación e integración socio-laboral, que está dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amesán. Este servizo pretende estruturar un conxunto de liñas de acción, que teñen por obxecto mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos, favorecendo así a súa inserción laboral. As concelleiras de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, e de Promoción Económica, Isabel González, asistiron á primeira sesión deste programa.

Impartición de cursos e itinerarios persoais de inserción
Este programa desenvolverase en tres fases e inclúe unha área de itinerarios persoais de inserción, un curso de operario de almacén e outro curso de esforzo de integración. A través da impartición dun curso de mozo/a de almacén preténdese que os alumnos/as aprendan a desenvolver de xeito correcto as tarefas propias das ocupacións dun mozo de almacén, como preparar pedidos, realizar traballos de expedición, que teñan dominio da documentación específica (albarás, follas de stocks...), e fagan labores de carga e descarga de mercancías, recepción, etiquetaxe, etc. Este curso, que está dirixido a 10 persoas, desenvolverase entre o 17 de agosto ata o 23 de outubro. Consta de 120 teóricas e 80 de prácticas.

Por outra banda, vanse a realizar itinerarios de inserción como o itinerario de inclusión social, que conta con 10 usuarios/as, e desenvolverase outro curso de esforzo de integración, que se impartirá a partir do 1 de setembro e disporá de 50 horas.

Ademais, durante todo o ano desenvólvese un programa de asesoramento técnico especializado a persoas inmigrantes do que se están a beneficiar máis de 50 usuarios/as. A través deste programa trátase de regularizar a situación administrativa dos/as beneficiarios/as en función das súas expectativas laborais; renovación e modificación das autorizacións de residencia e traballo; homologación de títulos; etc.

O Concello de Ames acaba de poñer en marcha a terceira edición do proxecto Ames Integra, que está dirixido á poboación estranxeira extracomunitaria con permiso de residencia e traballo. Este programa, que está organizado en colaboración entre os departamentos de Servizos Sociais e Promoción Económica, marca unhas liñas estratéxicas que hai que seguir para mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos. A través deste proxecto intentarase favorecer a inserción laboral deste colectivo.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, sinalou que “a finalidade principal deste proxecto é o acceso a unha formación específica mediante a impartición dun curso determinado como é o de mozo/a de almacén, así como o incremento das posibilidades de renovación das autorizacións de residencia e traballo”.

Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que “o proxecto Ames Integra III está baseado en tres liñas de acción como son a información, a formación e os itinerarios persoais de inserción”.

Este proxecto, que é impartido pola empresa Recursos de Consultoría, dispón dunha fase teórica, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro, e doutra fase práctica con prácticas en diversas empresas da contorna. Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Xunta de Galicia, a través da consellaría de Traballo e Benestar. Os usuarios/as deste programa dispoñen dunha axuda para o desprazamento.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Retoman o plan amiense para insertar ós desempregados"
La Voz de Galicia: "El plan Ames Integra abre tres líneas de formación para vecinos inmigrantes"