[07-10-2013] O Concello de Ames, a través dos departamentos de Benestar Social e de Promoción Económica, puxo en marcha o proxecto Ames Integra. Trátase dun programa de formación e integración socio-laboral, que está dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amiense. Este servizo pretende estruturar un conxunto de liñas de acción que teñen por obxecto mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos, favorecendo así a súa inserción laboral. Para elo vaise impartir un apartado de formación específica na que se enmarca un curso para a obtención do carné de manipulador de alimentos, un obradoiro de lingua e cultura galega e a preparación dos exames en competencias clave. As inscricións para participar neste programa deberán realizarse ata o día 10 de outubro.
O Concello de Ames acaba de poñer en marcha un novo proxecto dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amiense. O programa Ames Integra, que está organizado en colaboración entre os departamentos de Benestar Social e Promoción Económica, marca unhas liñas estratéxicas que hai que seguir para mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos. A través deste proxecto intentarase favorecer a inserción laboral deste colectivo.
A prioridade deste proxecto é impartir unhas accións formativas de base, que estean dirixidas á obtención das competencias clave. Tamén se lle prestará unha especial atención ó autoemprego xa que se postula como unha opción preferente dos colectivos con especial dificultades de inserción. Coa posta en marcha do programa Ames Integra preténdese incrementar a competencia en habilidades sociais e o coñecemento do entorno social que ten o colectivo emigrante en Ames.
Formación transversal
En primeiro lugar, o día 15 de outubro farase a selección dos participantes. Os beneficiarios do programa serán seleccionados polos departamentos de Benestar Social e de Promoción Económica, entre todas aquelas persoas que realicen a correspondente inscrición. O proceso de selección consistirá nun cuestionario de interese e unha entrevista persoal. Os usuarios/as deste programa participarán en itinerarios personalizados de inserción socio-laboral, que son unha ferramenta clave para decidir aquelas accións que se desenvolverán durante o proceso de integración.
Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición para participar neste programa xa está aberto. As inscricións deberán realizarse ata o día 10 de outubro. Para elo haberá que cubrir unha instancia xeral solicitando a participación neste programa e entregala no Rexistro Xeral, que está na Casa do Concello en Bertamiráns ou nas Oficinas Xerais do Milladoiro.
Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 535 941 correspondente ao departamento de Servizos Sociais do Milladoiro ou ao número de teléfono 981 883 002 pertencente ao departamento de Promoción Económica de Bertamiráns. Outra opción é enviar un correo electrónico a un destes enderezos teresa.arufe@concellodeames.org ou promocioneconomica@concellodeames.org.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames lanza un servicio para ayudar a los inmigrantes a encontrar trabajo"