Pestanas principais

O Concello organiza unha charla sobre a transparencia na administración local dirixida ao persoal municipal

Martes, 13 de setembro de 2016

[13-09-2016] Este venres, 16 de setembro, ás 8:00 horas o salón de Plenos do Concello de Ames acollerá unha charla para o persoal municipal acerca do sistema de avaliación do cumprimento das novas normativas en Transparencia que foi elaborado pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e do Usuario da USC. Este é o primeiro paso dunha auditoría interna que quere continuar co compromiso asinado polo Concello de Ames no Pleno ordinario do pasado mes de febreiro en materia de transparencia e boas prácticas.

O goberno municipal asinou no pasado mes de abril un acordo coa Universidade de Santiago de Compostela de cara a estudar a implantación da política de transparencia na administración local. As novas leis aprobadas no pasado ano 2015 poñen de manifesto a necesidade, e obriga, de cumprimento dunha serie de requisitos para os Concellos. Para o executivo amesán a transparencia da administración non debe quedar no simple documento colgado de certa información básica, senón que debe ir mais alá de xeito que se implante unha cultura de transparencia que tan só será efectiva co compromiso das traballadoras e traballadores do Concello.

Dito acordo continuaba o traballo en materia de transparencia comezado no mes de febreiro, no que para cumprir coa nova Lei de Transparencia aprobábase a elaboración dun código ético e de bo goberno e poñíase en marcha o Portal de Transparencia na páxina web municipal. O equipo de investigación da USC achegou ao Concello de Ames unha metodoloxía elaborada no seo da universidade para levar a cabo auditorías internas con ferramentas propias de diagnose. No caso de cumprir os requisitos da lei isto levará a solicitar a certificación e acreditación do selo “Concello Comprometido coa Transparencia”.

Ademais, a través da sinatura deste convenio coa USC agárdase poder coñecer o estado actual e real que o Concello ten en transparencia dende a creación do portal de transparencia. Esta auditoría interna de valoración ten un primeiro paso que é unha presentación de 50 minutos para informar dos cumprimentos aos que as novas normativas obrigan, así como atender ao trasfondo da transparencia nas institucións. Darase tamén a coñecer o sistema de avaliación que se seguirá ao longo dos vindeiros meses.

O traballo realizado conxuntamente polo Concello de Ames e pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor quere ir máis alá, contribuíndo á implicación do persoal que traballa na administración. A charla deste venres enmárcase neste obxectivo e é ademais un dos primeiros pasos para coñecer o estado actual e real que o Concello ten en materia de transparencia dende a creación do portal.