Pestanas principais

O Concello organiza por décimo ano os Obradoiros de lingua e cultura galega

Sábado, 27 de setembro de 2014

[27-09-2014] O Concello de Ames a través do Servizo de Normalización Lingüística, dependente da Concellaría de Cultura, e coa colaboración do Servizo de Atención ao Migrante, organiza por décimo ano consecutivo os Obradoiros de lingua e cultura galega. Baixo o lema En galego, co teu acento, esta iniciativa está dirixida a persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames, inmigrantes ou emigrantes retornados residentes no concello e persoas que estean interesadas en achegarse á lingua e á cultura galegas. O obxectivo destes obradoiros é proporcionar aos e ás asistentes nocións básicas de lingua, cultura e historia de Galicia, ademais de dar a coñecer Ames e os servizos que ofrece a institución municipal e poñer en valor a multiculturalidade propia do concello. O obradoiro impártese gratuitamente. O prazo de inscrición está aberto o 10 de outubro.

As persoas interesadas en realizar este obradoiro poden inscribirse presencialmente no Servizo de Normalización Lingüística do Concello, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e nas oficinas municipais do Milladoiro, sitas no número 10 da Rúa de abaixo. A inscrición tamén se pode facer a través dos teléfonos do servizo de Normalización 981 884 991 e no teléfono das oficinas do Milladoiro 981 525 349.

O obradoiro, que ten unha duración de 30 horas, será impartido pola técnica de Normalización lingüística, Rosa Moreiras. Ofértanse 50 prazas, 25 en Bertamiráns e 25 no Milladoiro. En Bertamiráns desenvolverase no Pazo da Peregrina, desde o 14 de outubro ata o 14 de novembro de 2014, de luns a xoves en horario de 9:30 a 11 horas. No Milladoiro as clases impartiranse na Casa da Cultura desde o 17 de novembro ata o 19 de decembro de 2014, os luns, martes, mércores e venres entre as 9 e as 10:30 da mañá.

Os obradoiros de lingua e cultura, En galego, co teu acento, son un reflexo da riqueza multicultural do Concello de Ames que na actualidade conta no seu padrón con veciños e veciñas procedentes de máis de corenta nacionalidades. O obxectivo é que estas persoas que viven no concello pero que non naceron, non se criaron en Galicia  ou non tiveron a oportunidade de achegarse á nosa lingua, acaden as nocións básicas para comprender e expresarse, tanto dun xeito oral como escrito, galego. Tamén se pretende fomentar o achegamento á cultura e a historia propias, incidindo dun xeito especial nas cuestións referidas ao Concello de Ames. Neste senso, proporcionarase aos/ás asistentes ao obradoiro información sobre as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal. Promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amiense dos participantes no obradoiro, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural son tamén obxectivos importantes destes Obradoiros de lingua e cultura galega que se desenvolven en Ames por décimo ano.

Os obradoiros impártense dun xeito práctico e ameno. Nas clases fanse actividades encamiñadas a facilitar aos asistentes poder entender e darse a entender en galego en situacións da vida cotiá ou conversar tranquilamente coas amizades. Ademais os participantes coñecen aspectos da xeografía, a historia e a literatura de Galicia. Para María Eugenia Martín, concelleira de Cultura "Ames segue a ser un concello receptor de persoas que proveñen de moitos lugares do mundo e tamén o lugar ao que volven moitas persoas que fixeron a súa vida fora e que durante anos non tiveron a oportunidade de ter contacto coa nosa cultura. Cremos que ofrecerlles a posibilidade de saber un pouco máis sobre a cultura e a lingua de Galicia pode axudar a facilitarlles a súa integración na comunidade".