Pestanas principais

O Concello organiza para o vindeiro luns unha visita aberta a todos os veciños e veciñas interesados/as en coñecer a parcela na que se situarán as hortas urbanas do Milladoiro

Venres, 06 de decembro de 2013

[06-12-2013] O vindeiro luns, 9 de decembro, o Concello de Ames, a través da Concellería de Medio Ambiente, programou para as 11:00 horas unha visita á parcela na que se porán en marcha as hortas urbanas do Milladoiro. O obxectivo é que todos os veciños e veciñas de Ames interesados/as nesta iniciativa poidan coñecer as características do terreo e do proceso de concesión das parcelas. Unha técnico do departamento de Medio Ambiente explicará polo miúdo os detalles desta iniciativa e os pasos a seguir para optar á concesión durante un ano dalgún destes terreos.

Deste xeito, o Concello de Ames porá en marcha a iniciativa de hortas urbanas, que se levou a cabo con éxito en Bertamiráns, no núcleo do Milladoiro no inicio do 2014. Recentemente, vense de rematar o acondicionamento dunha parcela para poñer a disposición dos veciños e veciñas do Milladoiro esta iniciativa sostible. O acondicionamento desta zona foi posible grazas a una subvención dotada con 27.998 euros, concedida pola Consellería de Presidencia a través do Fondo de Compensación Ambiental.

A parcela que se dedicará a hortas urbanas no Milladoiro, e que se poderá visitar o luns 9 de decembro ás 11:00 horas, está situada entre a Rúa do Xeixo e a Rúa do Francés. En total, a parcela conta cunha superficie de 2.017 metros cadrados e prevese que nela se poidan dispoñer 45 hortas para a súa cesión á veciñanza do Milladoiro. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explica que “nesta zona, leváronse a cabo tarefas de acondicionamento do terreo, movemento de terras, e acometeuse o peche da parcela ou instalacións de sistemas de drenaxe e rego”.

Unha vez rematado o proceso de acondicionamento da parcela municipal, está previsto que no inicio do 2014 se proceda á apertura do prazo de solicitudes para que as persoas interesadas poidan ter a posibilidade de contar cunha horta urbana no Milladoiro.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello organiza el lunes una visita abierta al solar de la huerta urbana de Milladoiro"
El Correo Gallego: "O Concello organiza unha visita aberta para en coñecer a parcela na que se situarán as hortas do Milladoiro"