Pestanas principais

O Concello organiza para este sábado un acto de homenaxe á corporación do Goberno de Ames de 1936

Xoves, 24 de novembro de 2016

[24-11-2016] O goberno municipal organizou para este sábado, 26 de novembro, ás 12:30 horas, no salón de plenos da Casa do Concello un acto de homenaxe á corporación do Goberno de Ames de 1936. Este acto celébrase con motivo dunha moción rexistrada por Ames Novo no Pleno do 27 de marzo 2014. Esta moción solicitaba a restitución simbólica nos seus cargos da Corporación democrática do período 1931-1936. A este acto invitouse aos familiares dos concelleiros que formaban a corporación do 36. Tamén intervirá o cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño, que falara de dita corporación e do seu alcalde, Óscar Lojo Batalla.

O 22 de xuño de 1931 constituíuse a primeira corporación municipal democrática de Ames, con 16 concelleiros electos, e dela saíu elixido alcalde por unanimidade Óscar Lojo Batalla. Nos seus anos de goberno, esta corporación fomentou o asociacionismo, creou escolas e impulsou numerosas obras públicas, coma a apertura de novos camiños e arranxo dos que estaban en mal estado, e mesmo trouxo a luz pública por primeira vez ás rúas do concello, entre 1935 e 1936.

Maximino Viaño explica que “este goberno traballou fundamentalmente en dúas direccións. Unha foi o impulso da educación pública coa creación de varias escolas mixtas como as feita en Searez de Arriba, Castiñeiro do Lobo, Ventosa, Cerdeiras... e outra a mellora das comunicación coa creación das estrada que unen Roxos e Portomouro, Tapia e A Ponte Maceira, e Bertamiráns e Osebe, así como executou os camiño que van de Quintáns a Lens e de Augapesada a Bertamiráns”.

Finalmente, a autoridade militar de Santiago, Juan Sanmiguel del Río, cesou o 1 de agosto de 1936 a todos os concelleiros e constituíu unha comisión xestora composta por Ramón Veiga e o secretario do Concello, Luís Salqués. O 28 de outubro constituíuse definitivamente unha nova corporación nomeada polo gobernador civil da provincia.

Na moción presentada polo grupo municipal de Ames Novo solicítase que se inicie o procedemento pertinente ante o Ministerio de Xustiza de cara á Declaración de reparación e recoñecemento persoal que se recolle no artigo 4 da Lei 52/2007 ao que teñen dereito todos os membros da corporación deposta. Unha vez efectuados os trámites e feitas as comprobacións oportunas diante do Ministerio, o Concello acordará en sesión plenaria a solicitude en firme da Declaración de reparación e recoñecemento persoal para estes membros. Nesta mesma moción tamén se recolle que se realice o acto que vai ter lugar este sábado e a colocación dunha placa conmemorativa.

Desenvolvemento do acto de homenaxe
O acto comezará ás 12:30 horas coa recepción dos familiares da corporación de 1936. Trala recepción o acto desenvolverase no salón de plenos, onde intervirá o alcalde de Ames, José Miñones, e a voceira do grupo municipal de Ames Novo, Pilar Candocia, que dará lectura á moción presentada o pasado 27 de marzo 2014. De seguido, intervirá o cronista oficial de Ames, Maximino Viaño. Nesta acto tamén se fará unha entrega de medallas aos familiares da corporación do 36. Maximino Viaño dará lectura ao nomeamento dos familiares para a recollida de medallas, que serán entregadas polos membros da actual corporación.

Por último, xa na praza do Concello realizarase unha foto de grupo nas escaleiras que dan acceso á Casa do Concello, colocarase unha placa conmemorativa e interpretarase o Himno do Antigo Reino de Galicia.